O Reyco Burela FS reforza os lazos institucionais coa Deputación de Lugo

Unha representación do Reyco Burela FS, encabezada polo seu presidente, José Luis Sáez, e acompañada polas xogadoras Ana Eliza e Irene, realizou unha visita institucional ao Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo. Durante o encontro fixeron entrega dunha camiseta oficial da presente tempada ao vicepresidente da institución provincial, Efrén Castro, nun acto no que tamén participou o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado.
A reunión serviu para escenificar o respaldo da Deputación de Lugo ao club burelés nun momento clave da tempada, coincidindo co inicio da segunda volta tanto da liga feminina como da masculina. O vicepresidente Efrén Castro reiterou “o compromiso da institución provincial cun apoio estable e continuado no tempo”, ao tempo que puxo en valor “o esforzo da directiva nos últimos meses para superar as dificultades económicas e organizativas herdadas da pasada tempada”. Castro destacou ademais a traxectoria deportiva do club e a súa firme aposta pola igualdade e polo traballo coas categorías de base, subliñando que “o deporte profesional non se sostén só en títulos e resultados, senón tamén na capacidade de crear comunidade e sentimento de pertenza arredor dun proxecto”.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa Mario Pillado incidiu en que o apoio institucional ao Burela FS vai máis alá das clasificacións. Segundo explicou, “o verdadeiro valor do club reside no seu labor no deporte base e na igualdade”, cualificando ao proxecto burelés como un referente nestes ámbitos. Pillado manifestou tamén o seu compromiso persoal de colaborar para que o proxecto se manteña no tempo, ao consideralo esencial tanto para a formación deportiva como para a promoción da igualdade no deporte.
O presidente do Reyco Burela FS, José Luis Sáez, agradeceu especialmente o respaldo da Deputación de Lugo, ao que definiu como fundamental para “a supervivencia” da entidade. Sáez puxo en valor que o apoio institucional se manteña “tanto nos momentos de éxito deportivo como nas etapas máis complexas a nivel económico”, e aproveitou para recoñecer a colaboración desinteresada de Mario Pillado coas Escolas Deportivas do club, así como o apoio constante do Concello de Burela.
O Burela FS conta cunha achega de 152.000 euros por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para facer fronte aos gastos da tempada. Ademais, a institución provincial contribúe á promoción do deporte, especialmente do fútbol sala, en Burela e na comarca da Mariña cunha achega adicional de 25.000 euros á Fundación Imdecum.