O rexedor de Burela fala sobre a polémica da embarcación de salvamento A Carmela
O rexedor de Burela aclarou esta polémica logo de recibir interpelacións pola retirada da embarcación de salvamento do peirao.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, sae ao paso das acusacións vertidas sobre o concello polo despezamento e retirada da embarcación Carmela do peirao burelés por razóns de seguridade. O rexedor aclarou como se produciu a situación desde que o barco de salvamento marítimo da Cruz Vermella se instalou no Porto de Burela e respondeu ante as afirmacións que responsabilizan ao Concello de non ter mediado para evitar este final.
A embarcación Carmela chegou ás costas de Burela tras unha solicitude por parte da Cruz Vermella a Portos de Galicia na que piden instalala no peirao, mantendo á marxe ao Concello. “Naquel momento, Portos e Cruz Vermella acordan as condicións sen contar en ningún momento co concello, e entre outras cousas, son os voluntarios da Cruz Vermella os que realizan as tarefas de mantemento”, explica Llano, facendo fincapé en que o concello “non se comprometeu con nada porque non o fixeron tampouco partícipe de ningún acordo”.
Co paso do tempo “deixouse de facer ese mantemento polo motivo que sexa”, de forma que estivo exposto “sen que ninguén tivese en conta que o tempo remataría por poñer a lancha nunha situación de deterioro moi difícil de salvar”. Chegados a este punto, Portos comunica a súa intención de desfacerse do barco cunha proposta de desguace e retirada a Cruz Vermella, “aproveitando a conxuntura para, agora si, involucrar ao concello nun asunto no que non se lle dera nin voz nin voto”, subliña o alcalde.
No momento no que se solicita a intermediación do ente local por parte de Cruz Vermella, “o barco xa estaba case desahuciado, pero aínda así solicitamos aos GALP un proxecto para tratar de recuperalo, cuestión que ten que pasar polos seus procesos e tempos e que era totalmente imposible para este ano”.
Alfredo Llano insistiu na premisa de que “o Concello non tiña vínculo de ningún tipo con esta cuestión, e que Portos tivo posibilidades de manter ben o barco, e non culpabilizarnos cando xa está practicamente sen solución”, engadindo que este comportamento “é un intento á desesperada de botar balóns fóra e eludir responsabilidades cando un asunto se pon feo”. “Agora todo o mundo sinala ao Concello, pero hai que explicar ben as cousas porque moitas das opinións parten dun descoñecemento da situación; non é que non queramos asumir responsabilidades, é que nunca se nos deron nin as tivemos”.