O responsable do BNG na comarca da Mariña valora positivamente os resultados acadados nas eleccións europeas

AMariñaXa
"A nivel galego son os mellores en 20 anos nunhas eleccións europeas, verificándose así que o BNG é unha forza política á alza"
BNG-Mariña-2024-visita-ponton
11 Xuño 2024

O BNG mariñao fixo valoración dos resultados obtidos este pasado domingo, que "a nivel galego son os mellores en 20 anos nunhas eleccións europeas, verificándose así que o BNG é unha forza política á alza que, proceso electoral tras proceso electoral incrementa o seu apoio social", explican.

Concretamente, din que na Mariña o BNG medrou tamén na totalidade dos municipios, "consolidando así a súa presenza e ascenso na comarca nos sucesivos procesos electorais".

En palabras do responsable comarcal Antonio Veiga, “a consolidación do escano do BNG en Europa supón unha moi boa nova para a comarca, e para todos os sectores produtivos e económicos que a cotío sofren as consecuencias de moitas políticas e directrices e normas administrativas emanadas da UE lesivas para os seus intereses e para os da comarca, pois Ana Miranda foi e vai seguir sendo a voz que se alce en defensa deles”.

Desde o BNG recordaron a implicación de Ana Miranda coa comarca e a súa presenza continuada nela  tanto en mobilizacións ao lado do sector frente a proxectos prexudiciais para os sectores produtivos coma a eólica mariña, ou reuníndose cos sectores agrogandeiro e pesqueiro analizando a PAC ou a PPC.

BNG DE RIBADEO

Concretamente, o BNG de Ribadeo celebrou que "Galicia conte con voz propia en Bruxelas" e agradece o apoio recibido do pobo, "que viu en Ana Miranda unha firme defensora dos nosos intereses en Europa".

"Moita xente viu na nosa candidatura, e na nosa organización, un equipo serio e responsábel que pon Galiza por diante de todo e mantén as mesmas posicións aquí, en Madrid ou en Bruxelas. Grazas, veciñas e veciños, por confiardes en nós, por depositar a papeleta do BNG nas urnas este domingo 9 de xuño. Grazas por nos dardes alento co voso apoio para seguirmos traballando polo noso país, por cada un dos nosos concellos", aegumentaron.

Así, din que en Ribadeo "seguimos asumindo o papel que nos outorgastes hai un ano e cada vez queda máis claro que temos máis capacidade de influír nós na xestión correcta do concello que o propio equipo de Goberno".

0.20887398719788