O Real Oviedo trae o seu campus de verán a Ribadeo cunha oferta deportiva para a rapazada

AMariñaXa
O Campo do Outeiro acollerá esta actividade do 7 ao 11 de xullo, dirixida a nenas e nenos nados entre 2010 e 2019
campo-de-futbol-recurso
1 Jul 2025

O concello de Ribadeo volverá ser escenario deportivo este verán coa celebración do Campus de Fútbol do Real Oviedo, que terá lugar entre o 7 e o 11 de xullo nas instalacións do Campo do Outeiro, na Devesa. A actividade, que se desenvolverá en horario de mañá —de 9:00 a 14:00 horas—, está orientada a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, é dicir, nacidos entre os anos 2010 e 2019.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, animou ás familias interesadas a inscribir ás crianzas, xa que aínda quedan prazas dispoñibles. “Estamos ante unha oportunidade excelente para que a mocidade da zona poida gozar dun campus de primeiro nivel, guiado por profesionais e cun enfoque formativo e lúdico”, sinalou.

As inscricións e máis información poden consultarse a través da web oficial do club: www.campusrealoviedo.es.

Silvent tamén puxo en valor o amplo abano de actividades deportivas que ofrece Ribadeo durante a tempada estival. “Este campus é só un exemplo máis da variedade de propostas que ofrecemos este verán, grazas ás boas instalacións coas que contamos”, subliñou o edil. Engadiu, ademais, que “é unha satisfacción poder recibir este tipo de iniciativas, que permiten á rapazada de Ribadeo e das comarcas veciñas, tanto galegas como asturianas, formarse e divertirse ao tempo”.

⚙ Configurar cookies
0.16588997840881