O quiosco da música de Medal será restaurado grazas á colaboración co Principado

AMariñaXa
A actuación permitirá recuperar un dos elementos patrimoniais máis emblemáticos da vila cun investimento superior aos 53.000 euros
quiosco-da-musica-do-parque-de-Medal-en-Vegadeo
7 Jan 2026

A Consellería de Cultura, Política Llingüística e Deporte do Principado de Asturias asumirá o financiamento das obras de rehabilitación do quiosco da música do parque de Medal, en Vegadeo, un dos espazos máis representativos do patrimonio histórico e cultural da localidade. A intervención contará cun investimento de 53.119 euros e permitirá restaurar este templete, converténdoo de novo nun punto de referencia para a vida social e cultural do concello.

O quiosco foi construído no último terzo do século XIX grazas ás achegas de emigrantes de ultramar, e destaca pola súa balaustrada de ferro forxado e pola súa cuberta octogonal, elementos que forman parte da identidade visual de Vegadeo. Co paso do tempo, o espazo foi deteriorándose, polo que a actuación prevista garantirá a súa conservación e posta en valor de cara ás vindeiras xeracións.

A recuperación do quiosco permitirá revitalizar o parque de Medal como lugar de encontro, acollendo programación musical e actividades culturais dirixidas a toda a veciñanza. Deste xeito, o espazo recuperará o seu papel tradicional como escenario para a convivencia e a dinamización cultural.

Esta actuación desenvolverase en colaboración entre o Principado de Asturias e o Concello de Vegadeo, reafirmando o compromiso das administracións coa protección, conservación e promoción do patrimonio cultural do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.080160140991211