O Punto Limpo Móbil continúa achegando o servizo de reciclaxe ás parroquias de Foz

O Punto Limpo Móbil segue achegando o servizo de recollida selectiva ás distintas parroquias de Foz cun novo calendario que permitirá á veciñanza depositar correctamente aqueles residuos que non deben abandonarse nos colectores habituais. O Concello lembra a importancia de facer uso deste recurso para contribuír á protección do medio ambiente e fomentar unha adecuada xestión dos residuos domésticos.
Segundo a planificación establecida, o servizo permanecerá ata o 28 de xullo en Forxán (San Martiño). A continuación trasladarase a Marzán, xunto ao Pavillón Municipal, onde estará do 29 de xullo ao 4 de agosto, e posteriormente situarase en Vilaxoane, do 5 ao 11 de agosto.
O percorrido continuará en Mañente (Vilaronte), do 12 ao 18 de agosto; en Espiñeira, do 19 ao 25 de agosto; e na contorna da Igrexa de Vilaronte, do 26 de agosto ao 1 de setembro.
Xa durante o mes de setembro, o Punto Limpo Móbil instalarase en O Caritel (San Martiño), do 2 ao 8 de setembro; en Ver, do 9 ao 15 de setembro; na Ermida, do 16 ao 22 de setembro; e en Vilatuixe (Santa Cilla), do 23 ao 29 de setembro.
A ruta concluirá no mes de outubro con dúas últimas paradas: O Chao (Santa Cilla), do 30 de setembro ao 6 de outubro; Trasmonte, do 7 ao 13 de outubro; e finalmente A Ponte (San Acisclo), onde o servizo permanecerá do 14 ao 20 de outubro.
Desde o Concello de Foz animan á cidadanía a consultar o calendario e aproveitar este servizo itinerante, que facilita a reciclaxe e contribúe a manter o municipio máis limpo e respectuoso coa contorna.