O PSOE urxe á Xunta a “pasar das palabras aos feitos” en apoio ao sector do arrastre

AMariñaXa
O PSOE urxe á Xunta a “pasar das palabras aos feitos” en apoio ao sector do arrastre logo de “moitos titulares pero poucas actuacións”
patricia otero parlamento galego 2023
21 Mar 2023

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle á Xunta que “pase das palabras aos feitos” na defensa da pesca do arrastre galego fronte á prohibición desta arte de pesca que quere impoñer a Comisión Europea. A responsable socialista interveu na comparecencia da conselleira de Pesca hoxe no Parlamento para afearlle que teña feito “moitos titulares pero poucas actuacións concretas”.

A responsable socialista criticou os “vaivéns” do goberno galego dende o anuncio do veto á pesca de fondo en 87 zonas pesqueiras, primeiro anunciando que presentaría recurso ante a xustiza Europea, para a continuación “recuar” e deixar que o presentara o Estado en solitario. Despois “dixeron que se presentarían como parte coadxuvante do sector”, pero o prazo para tomar esta decisión rematou onte “e nada máis soubemos” á espera de que remate a prórroga de 10 días.

Otero ofreceu o apoio do PSdeG ao goberno galego na defensa do sector do arrastre galego, e reivindicou a intervención do ministro de Pesca no Consello de Ministros da UE celebrado onte en contra da “demonización” desta arte de pesca imposta pola Comisión Europea. Advertiu que a prohibición comunitaria impón unha “cronoloxía precipitada e pouco realista, que carece de respaldo científico sólido e dunha análise do impacto socioeconómico”.

Defendeu o arrastre “sostible” que está a empregar a flota galega, cun impacto “moi baixo ou case nulo” sobre o medio, grazas ás medidas de protección impostas polo goberno do Estado e polo propio sector. O goberno ten limitado o uso do arrastre fondos areosos ou fangosos e prohibindo o arrastre peláxico ou semipeláxico, mentres o sector está a demostrar ser o primeiro interesado en protexer o medio con portas voadoras con menor consumo e menor interacción co fondo.

A parlamentaria socialista sinalou que, como resultado destas medidas, os recursos biolóxicos atópanse en “boa situación biolóxica, cando non en proceso de recuperación”. Reivindicou unha visión construtiva, “máis equilibrada e estratéxica” para desenvolver un sector “rendible, moderno, eficiente e sostible”, que combine a defensa do medio ambiente co impacto económico e social.

Advertiu ademais que a prohibición da pesca de arrastre impulsa a entrada de produto procedente de terceiros países cunhas medidas medioambientais “moito máis flexibles” e máis lesivas para o medio mariño.

0.18065905570984