O PSOE urxe á Xunta a activar axudas directas para o marisqueo

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Paloma Castro alerta de que o Plan de Axudas polas consecuencias da guerra resulta “insuficiente e pouco adaptado ás necesidades reais das persoas traballadoras do mar”
Paloma Castro
7 May 2026

A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao PP de abandonar ao sector marisqueiro ao negarse a que a Xunta active un Plan de axudas directas para todo un sector que leva meses sen ingresos. Castro presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamar un Plan integral de apoio a esta actividade que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista alertou de que as axudas comprometidas por Rueda hai un mes para paliar o impacto da guerra de Irán resulta “insuficiente e pouco adaptado ás necesidades reais das persoas traballadoras do mar”. Sinalou que as medidas supoñían apenas 400 euros mensuais, 3 veces menos que o salario mínimo, unha contía que non chega para un sector nunha situación comprometida logo de meses sen actividade.

Criticou a estratexia de “botar balóns fóra” do goberno galego, que continúa instalado na estratexia de confrontación co Estado cando o goberno central “moveu ficha” e presentou unha emenda á Lei 5/26 para a exoneración das cotas á seguridade social das traballadoras autónomas en situación de cese en situación de cese.

Castro reclamou un Plan integral de apoio ao marisqueo con medidas directas, axilizando ao máximo a publicación das ordes de axudas e incluíndo expresamente ao marisqueo a flote e ao sector bateeiro para garantir un tratamento equitativo. Tamén pediu reforzar as asistencias técnicas e conceder axudas directas ás confrarías de pescadores, que con menos produción e menos ingresos as vendas nas lonxas redúcense e iso tradúcese en menos recursos para os pósitos.

Perspectiva de xénero

A tamén portavoz de Igualdade reclamoulle ao goberno galego que aproveite as eleccións ás confrarías do próximo ano para avanzar na igualdade do sector do mar, o que “é de xustiza e axudaría a unha maior democratización” do sector. Lembrou que levan dous anos de atraso na constitución do Estatuto das mulleres rurais e do mar, despois de rescindir a presenza das mulleres nos órganos de representación do sector a través da Lei de Acompañamento aos orzamentos.

Explicou que a presenza das mulleres nos órganos de decisión continúa a ser “mínima”, cun 15 por cento de mulleres no Consello Galego da Pesca, que non acepta a asociacións de mulleres como Mulleres Salgadas, que “nin sequera son recibidas nin admitidas nos órganos de consulta”.

A iniciativa presentada hoxe pola parlamentaria socialista reclamaba neste sentido garantir o funcionamento democrático das confrarías e a perspectiva de xénero mediante a supervisión do mantemento da representatividade nas xuntas xerais, a protección dos avances acadados en igualdade e a promoción do acceso das mulleres a postos de liderado nos procesos electorais.

0.12432217597961