O PSOE pedirá a Feijóo que financie os centros de maiores da Deputación

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os socialistas demandan a Feijóo que se implique coa atención ás persoas maiores e financie a rede de centros pública da Deputación de Lugo.
maiores saf centro de dia
24 May 2021

Propoñen “abrir un proceso de negociación coa Xunta de Galicia para que asuma tanto a financiación das residencias provinciais como a súa inclusión na rede autonómica”.

O Goberno da Deputación de Lugo levará ao Pleno ordinario convocado para o vindeiro martes unha proposta “para reclamarlle á Xunta que asuma a financiación dos centros de atención a maiores da institución provincial e que os inclúa na súa rede pública de residencias”.

En concreto, propoñen “abrir un proceso de negociación coa Xunta de Galicia, para que asuma, tanto a financiación dos Centros de Atención de Maiores da Deputación de Lugo, como a súa inclusión na Rede Pública de Residencias Autonómica, así como modificar o actual modelo macroresidencial para fortalecer e consolidar unha rede galega de residencias públicas, de pequeno tamaño, que garanta a permanencia dos maiores no seu entorno, mellore a súa atención sociosanitaria, xere emprego de calidade e contribúa a fixar poboación no rural”.

Hai que lembrar que a Deputación de Lugo “leva anos suplindo a inacción da Xunta e facendo un esforzo para achegar servizos sociais públicos, universais e de calidade ós veciños e veciñas da provincia, sobre todo no rural. A institución dedica a políticas sociais que debería atender o goberno autonómico aproximadamente un terzo do seu orzamento, máis de 30 millóns de euros. No que respecta á atención a maiores, ás residencias de Trabada, Ribadeo e Pol, sumáronse ó longo do ano 2020 as de Castroverde e A Fonsagrada. E neste 2021 entrarán en funcionamento as de Pedrafita, Meira e Navia de Suarna”.

Así as cousas, “a pegada da pandemia do covid nas residencias galegas amosou o fracaso do modelo de xestión privada impulsado pola Xunta. Un modelo baseado na rendibilidade económica e non na calidade da atención, e no que non se contemplaba dun xeito integral a xestión sociosanitaria dos maiores”. A aposta pola xestión privada da dependencia “impulsada polos sucesivos gobernos do PP ten convertido a Galicia na Comunidade con menor porcentaxe de prazas públicas en residencias de maiores, tan só o 41%, cando a media española é do 62% segundo as cifras oficiais do IMSERSO”.

Ademais, segundo a “Asociación Estatal de Directivos y Gerentes de Servicios Sociales”, Galicia conta cun  déficit de 14.902 prazas residenciais. A pesares diso, na presentación dos orzamentos para o ano 2021 a Conselleira de Política Social non anunciou a creación de novas prazas de residencias”, advirten.

300 empregos no entorno

Os centros da Deputación son de pequeno tamaño, entre 25/40 prazas de media, cunha ratio de case un coidador por persoa. Centros que teñen xerado máis de 300 empregos directos e indirectos no entorno, e que converten o coidado ós maiores nun factor de fixación de poboación e de desenvolvemento para o rural.

Pero, como ben ten sinalado a FEGAMP, “a administración local non pode asumir eternamente, sen financiamento adicional, as competencias que o noso Estatuto de Autonomía atribúe ó goberno autonómico. A Deputación de Lugo ten amosado que outro modelo é posible, viable e dá resultados, pero compételle á Xunta facerse cargo do seu desenvolvemento”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18109917640686