O PSOE esíxelle a Sanidade que repoña os pediatras no centro de saúde de Viveiro

AMariñaXa
O PSOE esíxelle a Sanidade que repoña os pediatras no centro de saúde de Viveiro. esta mesma semana só hai pediatra dous días.
centro saude viveiro
centro saude viveiro
16 dic 2022

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle á Consellería de Sanidade que garanta os dous pediatras que lle corresponden ao Centro de Saúde de Viveiro. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que alertou da desatención sanitaria nun Centro de Saúde que atende a 1.600 nenos e nenas de Viveiro, Ourol e O Vicedo, e que esta mesma semana só contará con pediatra durante dous días.

Otero levou ao Parlamento a situación “inaceptable” da situación sanitaria para os menores nesta localidade, que logo de “longas temporadas” tan só cun dos dous pediatras que lle corresponden, en novembro agravouse cando “chegaron a faltar os dous profesionais”. Daquela a primeira data dispoñible remontábase a mediados de decembro, mentres o Sergas recomendaba derivar aos menores ao servizo de Urxencias do Hospital de A Mariña.

A situación derivou nunha ampla manifestación diante do Centro de Saúde reclamando a cobertura estable das dúas prazas, mentres o Centro de Saúde afrontaba a semana dos festivos do Día da Constitución e a Inmaculada Concepción sen ningún pediatra no centro en plena época de catarros e gripes. Sinalou que “hai familias con nenos pequenos con patoloxías que necesitan do seu médico, e vostedes estanlle a dicir que non se poden acostumar a ter pediatra en tódolos centros”.

Patricia Otero sinalou que a situación de hoxe demostra as consecuencias de 13 anos de “mala planificación” da xestión sanitaria por parte do goberno galego, e responde á folla de ruta marcada pola dirección do Sergas. Lembroulle á nova xerente, Estrella López – Pardo, que foi ela en primeira persoa quen debullou o seu obxectivo nunha entrevista en outubro, sinalando que “La población tiene que entender que no podrá haber pediatra en cada Centro de Salud”.

Explicou que agora mesmo hai 192 concellos sen servizo de Pediatría, que non só seguirán así, senón que “a súa intención é recurtar e eliminar pediatras nos Centros de Saúde” que aínda o teñen, nos que “periga pola súa mala planificación” sanitaria.