O PSOE do Vicedo denuncia a falta de socorrismo nas praias

AMariñaXa
O PSdeG do Vicedo asegura que a precariedade no concello é tamén grave no que ten que ver coa atención médica
praia-de-xilloi-Vicedo-1
6 Aug 2024

Os socialistas do Vicedo denuncian que o municipio é o único da Mariña sen servizo de socorrismo en ningún dos seus areais. A voceira do PSdeG na localidade, Verónica Canoura, lamentou este luns que “a mala xestión do Concello” deixa as praias de Xilloi e Abrela sen vixilancia, “cos riscos que iso supón” e, polo tanto, sen as bandeiras azuis que concede Adeac por segundo ano consecutivo.

“Non vale a desculpa da falta de profesionais, porque levamos moito tempo padecendo esta problemática e vemos como outros concellos da comarca como Burela ou Foz resolven. É incapacidade”, di Canoura. Segundo o punto de vista da socialista, outros municipios da Mariña apostaron este ano por incrementar as partidas orzamentarias ben utilizando recursos do Plan Deputación ou pedindo a colaboración doutras administracións.

O PSdeG do Vicedo asegura que a precariedade no concello é tamén grave no que ten que ver coa atención médica. Denuncian que hai unha praza de médico sen cubrir e outra “resolta con contratacións eventuais” no centro de saúde do municipio. “Hai manifestacións cada mes diante do Concello. O Alcalde tiña que facer as xestións oportunas diante do Conselleiro de sanidade para obter unha solución urxente”, esixe a voceira.

Precisamente, o Presidente da Deputación de Lugo e Secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, interesouse este mes polas carencias deste concello en materia de servizos públicos nunha reunión que mantivo coa agrupación do PSdeG do Vicedo.

0.16859292984009