O PSOE denuncia que Naseiro segue con colchóns, sofás e outros residuos un mes despois da romaría

AMariñaXa
Os socialistas presentarán un rogo para pedir ao goberno local que actúe de inmediato ante unha situación que, aseguran, tamén está a provocar queixas entre veciños de San Pedro e Chavín
campos-naseiro-viveiro-basura-2026
22 Sep 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro denunciou o estado no que continúan os campos de Naseiro aproximadamente un mes despois da celebración da tradicional romaría e reclamou ao goberno local do Partido Popular que proceda á retirada inmediata dos enseres, residuos e materiais que aínda permanecen na zona.

Segundo sinala o PSOE, nos propios campos e en diferentes puntos da contorna poden atoparse sofás, colchóns, mobiliario, estruturas, materiais empregados nas montaxes e outros voluminosos. Parte deles permanecen directamente sobre o terreo, mentres que outros se acumulan nas proximidades dos colectores.

Os socialistas consideran que, transcorridas varias semanas desde o remate dunha das celebracións máis multitudinarias do municipio, a zona debería estar xa completamente acondicionada. "Estamos falando dun espazo que acolle unha das celebracións máis importantes de Viveiro e que, unha vez rematada a festa, debería quedar correctamente acondicionado e limpo", sinalan.

Desde o grupo municipal aseguran non entender que, pasado arredor dun mes, continúen atopándose "colchóns, sofás, mobiliario e todo tipo de enseres abandonados" na contorna.

O PSOE lembra que a recollida de residuos e voluminosos forma parte dos servizos que debe prestar o Concello e que estas tarefas están incluídas no contrato de recollida de lixo e limpeza. Por este motivo, reclama ao executivo municipal que explique por que non se completaron os traballos e que adopte as medidas necesarias para solucionar a situación.

As críticas socialistas recollen tamén o malestar trasladado por residentes da contorna. Segundo indican, veciños e veciñas, entre eles persoas de San Pedro e Chavín, puxéronse en contacto co grupo municipal para expresar as súas queixas polo estado no que permanecen os campos.

"Non estamos reclamando nada extraordinario. Estamos pedindo que, despois dun evento deste tamaño e unha vez transcorrido un mes, se retire o material que xa non ten ningunha utilidade e se deixe a zona nas condicións que lle corresponden", sosteñen os socialistas, que aseguran que así se viña facendo habitualmente tras a romaría.

O grupo considera especialmente preocupante que algúns dos restos estean ao aire libre e próximos a zonas de vexetación. Tamén advirte da presenza de elementos rotos e cortantes, entre os que cita faros de vehículos, polo risco que poden representar para as persoas que transiten pola zona.

Ante esta situación, o PSOE anunciou a presentación dun rogo no Concello de Viveiro para instar ao goberno municipal a ordenar coa maior brevidade posible a retirada de todos os enseres, voluminosos e demais materiais que continúan tanto nos campos de Naseiro como na súa contorna.

"Un mes é tempo máis que suficiente para que os campos de Naseiro estean completamente limpos", conclúe o Grupo Municipal Socialista, que reclama ao executivo do PP que "cumpra coas súas obrigas e dea resposta ás reclamacións dos veciños".

0.15722990036011