O PSOE denuncia o deterioro do rego Martelo, con peixes mortos e zonas de auga estancada

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro volve denunciar o estado do rego Martelo ou da Pontiga, en Area, un ano despois de levar ao Pleno unha primeira reclamación pola situación deste curso de auga. Segundo advirte a formación, lonxe de rexistrarse unha mellora durante este tempo, o problema agravouse e actualmente poden observarse zonas de auga estancada, unha coloración moi escura e mesmo peixes mortos.
Os socialistas lembran que hai aproximadamente un ano xa advertiran da abundante vexetación existente no lugar, que chegaba a dificultar a identificación do propio curso do regato. Naquel momento, o Goberno municipal explicou que o tramo final estaba incluído na Rede Natura 2000 e que esta circunstancia limitaba as actuacións que podían realizarse.
Con todo, segundo sinala o PSOE, tamén se indicara que era posible retirar manualmente os residuos urbanos e a vexetación morta acumulada sempre que non se afectase á vexetación viva. Por iso, a formación cuestiona as medidas adoptadas desde entón polo Executivo local.
"Pasou un ano e a situación, lonxe de mellorar, empeorou considerablemente", sosteñen os socialistas. Aseguran que neste mes de agosto o regato presenta moi pouco caudal, con puntos nos que a auga permanece completamente estancada e cunha tonalidade "practicamente negra". A presenza de peixes mortos incrementa, segundo indican, a preocupación polo estado deste espazo.
"Se o ano pasado diciamos que o estado era lamentable, este ano temos que dicir que é, como pouco, infralamentable", critican desde o grupo municipal, que pregunta directamente "que fixo o Goberno municipal durante este último ano?".
O PSOE insiste en que non reclama actuacións contrarias á normativa ambiental nin intervencións sobre a vexetación que deba conservarse. O que demanda é que o Concello realice as xestións necesarias ante Augas de Galicia e os demais organismos competentes para determinar as causas do estado actual das augas e acometer as medidas permitidas para recuperar unhas condicións adecuadas no regato.
Ademais, pide ao Executivo local que detalle que actuacións desenvolveu desde o rogo presentado o pasado ano. "Pasou un ano e hoxe estamos peor ca daquela", conclúe a formación.
Transparencia sobre o financiamento das festas
O estado do rego Martelo non é a única cuestión que os socialistas poñen sobre a mesa. O grupo municipal tamén solicita información sobre as achegas económicas realizadas polas distintas administracións públicas ás festas de Viveiro deste ano.
O PSOE destaca a colaboración da Deputación de Lugo coa Comisión de Festas, contribuíndo economicamente a tres das actuacións incluídas na programación. Considera que este tipo de apoio representa a forma na que as administracións deben colaborar cos colectivos que impulsan actividades no municipio.
Ao mesmo tempo, os socialistas aseguran que durante as festas foi "moi destacada" a presenza da Xunta de Galicia, tanto na cartelería e publicidade institucional como en diferentes espazos, actividades e no propio palco. Por este motivo, queren coñecer a contía exacta da colaboración económica autonómica.
O grupo pide ao Goberno municipal do PP que informe ao Pleno das cantidades achegadas pola Deputación de Lugo, a Xunta e calquera outra administración que colaborase, especificando tamén a que actuacións ou actividades se destinou cada contribución.
Os socialistas aclaran que non cuestionan a presenza institucional das administracións que financian actividades, pero consideran que debe existir "unha certa correspondencia entre a colaboración económica realizada e o nivel de presenza e visibilidade institucional que se lle dá".
Reclaman axilidade para conceder a Medalla de Ouro á Semana Santa
A terceira petición do PSOE está relacionada coa concesión da Medalla de Ouro do Concello de Viveiro á Semana Santa. A formación lembra que no pleno de maio presentou unha moción para promover este recoñecemento e que, tras o debate sobre a fórmula xurídica que debía empregarse, acordouse por unanimidade dos membros presentes iniciar o expediente.
Varios meses despois, o grupo municipal afirma que descoñece se a tramitación comezou, en que punto se atopa ou que actuacións administrativas se realizaron para executar o acordo adoptado pola Corporación.
Por iso, pide ao Goberno municipal que dea "a máxima prioridade" ao expediente, informe sobre a súa situación e acelere os trámites para poder establecer unha data para o acto público de entrega da Medalla de Ouro.
O PSOE sinala que a distinción suporía tamén un recoñecemento á Xunta de Confrarías, ás confrarías, aos seus membros, ás bandas, ás persoas voluntarias e colaboradoras e a todas aquelas que contribuíron ao longo das xeracións a manter esta tradición.
"Non abonda con aprobar o acordo no Pleno. É necesario executalo e poñerlle unha data sen máis demoras", defenden os socialistas, que reclaman que o acordo unánime alcanzado en maio se traduza nun acto público de recoñecemento á Semana Santa de Viveiro.