O PSOE de Xove reivindica a súa xestión para impulsar as melloras nas estradas do municipio

AMariñaXa
Os socialistas destacan o financiamento da Deputación para a estrada do Cruceiro a Portocelo e cifran en máis de 1,6 millóns os fondos provinciais destinados este ano ao concello
Xove-Rogelia-Mariña-PSOE-mitin
24 Aug 2026

O PSOE de Xove valorou positivamente a licitación das obras de mellora da estrada LU-P-2607, entre O Cruceiro e Portocelo, pero aproveitou o anuncio para reivindicar o traballo realizado pola formación socialista para conseguir investimentos destinados á rede viaria do municipio.

Os socialistas consideran "unha boa noticia" que avance esta actuación e lembran que diferentes estradas de Xove arrastran desde hai dúas décadas importantes necesidades de acondicionamento. Segundo sinalan, durante 2026 está previsto aglomerar arredor de 15 quilómetros, mentres que as intervencións restantes continuarían nos anos 2027 e 2028.

Neste contexto, o grupo socialista pide ao alcalde, Demetrio Salgueiro, que recoñeza a xestión desenvolvida polo PSOE local para sacar adiante estas actuacións. A formación sostén que o traballo realizado nos últimos anos permitiu avanzar na procura de financiamento para mellorar as comunicacións municipais.

Entre os proxectos sinalados está a estrada do Cruceiro a Portocelo, cun orzamento previsto de 493.000 euros. Segundo os datos achegados polo PSOE, a Deputación de Lugo asumirá 285.296,96 euros, arredor do 60% do investimento.

A esta cantidade engaden outros 818.403 euros destinados ás estradas das Gulpilleiras, da Tronca ao Tarolo e do cruzamento de Vilapol a Morás.

Os socialistas aseguran que, tendo en conta tamén outras achegas provinciais para melloras e servizos municipais e para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a contribución da Deputación a Xove ascende este ano a 1.666.641 euros.

Por este motivo, o PSOE cuestiona as críticas do alcalde sobre unha suposta marxinación de Xove por parte da institución provincial. "Hai que lembrarlle que con traballo e xestión todo se vai conseguindo", sostén a formación, que defende que estes investimentos son froito tamén das xestións realizadas desde a oposición municipal.

Ao mesmo tempo, os socialistas reclaman coñecer o volume de investimento da Xunta de Galicia no municipio e critican que, ao seu xuízo, existen "fotos e promesas", pero poucas actuacións materializadas.

O PSOE de Xove conclúe reivindicando o labor desenvolvido pola súa única concelleira na corporación e asegura que continuará exercendo unha oposición baseada no control e na procura de investimentos. "Xove necesita máis e os Socialistas de Xove estamos dispostos a traballar por iso", conclúen.

0.12607598304749