O PSOE de Xove levará ao Pleno as demandas sobre a auga, a vivenda e os proxectos pendentes do municipio

AMariñaXa
Os socialistas pedirán explicacións sobre a rede de abastecemento, o Portiño de Morás, o acceso á vivenda e diversos servizos municipais na sesión do 1 de xuño
Xove-PSOE-candidatura
30 May 2026

O Grupo Municipal Socialista de Xove aproveitará o Pleno ordinario previsto para o vindeiro 1 de xuño para trasladar ao goberno local unha serie de cuestións relacionadas con algúns dos asuntos que considera prioritarios para o municipio. Entre eles figuran o abastecemento de auga, a situación da vivenda, o proxecto do Portiño de Morás, o estado de determinados servizos municipais e a futura contratación do Servizo de Axuda no Fogar.

A formación socialista sinala que a rede de abastecemento continúa sendo unha das principais preocupacións da veciñanza. Segundo indican, o municipio leva anos sufrindo incidencias recorrentes vinculadas á traída de auga, como episodios de turbidez, limitacións no consumo durante os meses de verán, instalacións envellecidas e unha falta de investimentos que, ao seu xuízo, impide garantir un servizo acorde ás necesidades actuais.

Por este motivo, os concelleiros do PSdeG preguntarán polos avances realizados para modernizar a infraestrutura e polas medidas previstas para evitar posibles problemas de subministración durante a época estival. Desde o grupo consideran necesario actuar con antelación e planificación para asegurar un servizo esencial para a poboación.

Outro dos asuntos que centrarán o debate será o acceso á vivenda. Os socialistas solicitarán información sobre o estado da urbanización de vivendas acaroadas prevista fronte ao colexio de Xove, unha iniciativa da que se vén falando desde hai anos. Aínda que valoran que este proxecto poida contribuír a incrementar a oferta residencial, consideran que non resolverá por si só as dificultades existentes. Por iso, defenderán a necesidade de elaborar un plan municipal de vivenda que permita afrontar esta problemática mediante actuacións a medio e longo prazo.

No tocante ás infraestruturas, o grupo tamén reclamará datos actualizados sobre a anunciada mellora do Portiño de Morás e a instalación dun pantalán. Os socialistas lembran que se trata dunha actuación anunciada en numerosas ocasións ao longo dos últimos anos e preguntarán polo investimento previsto pola Xunta para 2026, así como pola situación administrativa do proxecto.

A sesión plenaria servirá ademais para abordar cuestións relacionadas co mantemento municipal. Entre elas figura o estado dalgunhas tapas de alcantarillado na contorna da urbanización do Palmeiro. Tamén pedirán aclaracións sobre o funcionamento das áreas destinadas a caravanas situadas en Xove e Esteiro, das que cuestionan o sistema de control e xestión.

0.12314009666443