O PSOE de Viveiro reivindica como legado propio as obras recepcionadas en Celeiro e Magazos

AMariñaXa
Os socialistas destacan que as melloras foron proxectadas e financiadas polo anterior goberno de María Loureiro
PSOE-Viveiro-recepcion-obras-Celeiro-e-Magazos
17 Jul 2025

O PSOE de Viveiro reivindica o traballo realizado polo anterior executivo local ao lembrar que dúas das obras máis relevantes recentemente recibidas —a remodelación integral da Rúa do Porto en Celeiro e a mellora das beirarrúas de Magazos— foron proxectadas, tramitadas e financiadas durante o mandato socialista de María Loureiro.

Desde a formación destacan que estas actuacións representan “un avance significativo na mellora da mobilidade, da accesibilidade e da calidade de vida da veciñanza”, ademais de servir de exemplo do “modelo de xestión planificada, responsable e con vocación de servizo público” que o PSOE defendeu nos últimos anos.

No caso da Rúa do Porto de Celeiro, o proxecto foi cualificado polos socialistas como “unha das intervencións máis importantes e ambiciosas realizadas no municipio nas últimas décadas”. Cun investimento total de 680.000 euros, dos cales máis de 550.000 foron achegados pola Deputación de Lugo, a obra supuxo a transformación integral da fachada marítima da localidade, tanto desde o punto de vista estético como funcional.

A actuación non se limitou ao embelecemento da zona: levouse a cabo a renovación completa das infraestruturas soterradas —saneamento, abastecemento e recollida de augas pluviais—, solucionando así problemas históricos de filtracións e avarías constantes que afectaban tanto a vivendas como a negocios da zona.

“Esta obra deseñámola pensando nas necesidades reais do pobo de Celeiro, corrixindo carencias estruturais e apostando pola recuperación urbana e patrimonial dunha das zonas máis emblemáticas do concello”, sinalan desde o PSOE, subliñando tamén a aposta pola accesibilidade e a integración paisaxística.

Pola súa parte, a intervención realizada en Magazos permitiu renovar e ampliar as beirarrúas dun tramo especialmente transitado. Cun investimento de 110.000 euros —financiados igualmente pola Deputación a través do Plan Deputación—, a obra contribúe a mellorar a seguridade viaria nun punto onde, ata o de agora, non existía separación clara entre vehículos e peóns.

“Buscamos facilitar o desprazamento seguro das persoas maiores, do alumnado e da veciñanza en xeral”, lembran os socialistas, que lamentan que o actual goberno local “recepcione estas obras sen recoñecer o traballo previo do executivo que as fixo posibles”.

Desde o PSOE de Viveiro insisten en que proxectos coma estes “non se improvisan”: son o resultado “dun traballo serio, planificado, cun financiamento garantido e cunha visión a longo prazo”. Por iso, aseguran, continuarán traballando para que non se esqueza o legado socialista e para seguir impulsando actuacións que melloren a calidade de vida da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.17342400550842