O PSOE de Viveiro reclama que os grupos locais cobren polas actuacións nas festas

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro volve reclamar que as agrupacións locais que participan nas festas da cidade reciban unha compensación económica polas súas actuacións. A formación considera inxusto que os colectivos que soben ao escenario da Praza Maior dentro da programación cultural oficial o fagan sen percibir remuneración polo seu traballo.
Os socialistas poñen o foco no esforzo que existe detrás de cada actuación, desde os ensaios ata a preparación dos espectáculos. Ademais, sinalan que boa parte destes grupos se autofinancian e non contan con subvencións municipais, mentres que algúns dispoñen de locais cedidos polo Concello e outros carecen mesmo dun espazo destas características.
Para o PSOE, a súa inclusión na programación oficial debería ir acompañada dun recoñecemento económico, aínda que a contía se adapte ás posibilidades das arcas municipais. A formación insiste en que non reclama grandes cantidades, senón unha partida que permita poñer en valor o traballo desenvolvido durante todo o ano polos colectivos culturais da localidade.
Neste sentido, os socialistas cuestionan as prioridades de gasto do Goberno municipal e contrapoñen a ausencia de compensación para os grupos locais cos recursos destinados a outras iniciativas. Critican especialmente o investimento en vídeos institucionais, algúns dos cales cualifican de “auténtica propaganda política pagada con fondos públicos”, e consideran que unha redución deste tipo de gastos podería permitir destinar fondos á cultura local.
O PSOE lembra, ademais, que esta reivindicación xa foi trasladada anteriormente ao pleno municipal mediante unha moción coa que pretendía establecer unha compensación para estas agrupacións. A iniciativa non prosperou debido aos votos en contra do Partido Popular e de Por Viveiro.
Os socialistas tamén censuran a postura do portavoz de Por Viveiro, Bernardo Fraga, lembrando a súa anterior vinculación con asociacións culturais que acudían ao Concello en busca de colaboración. Por este motivo, aseguran que resulta difícil comprender que non apoiase unha proposta destinada precisamente a recoñecer economicamente a actividade dos colectivos locais.
Desde o Grupo Municipal Socialista defenden que, se existen recursos para financiar outras actividades incluídas nas festas, tamén debería reservarse unha partida para as agrupacións que contribúen ao longo do ano a dinamizar a vida cultural da cidade. “Os grupos locais non están para cubrir gratuitamente a programación. A cultura local tamén é traballo. E o traballo debe valorarse”, conclúen.