O PSOE de Viveiro leva ao pleno varias demandas sobre limpeza, mantemento e transparencia

O Grupo Municipal do PSOE de Viveiro trasladará ao pleno previsto para o 6 de maio unha serie de rogos nos que pon o foco en cuestións relacionadas co mantemento de espazos públicos, a seguridade viaria, a conservación do patrimonio e a información sobre actuacións municipais.
Un dos asuntos principais refírese á situación da zona do Paraíso, onde, segundo indican, a veciñanza leva tempo denunciando deficiencias nos servizos básicos. Entre as problemáticas sinaladas destacan fallos na recollida de lixo en determinados días da semana, a falta de limpeza viaria, a presenza de maleza sen controlar e carencias no alumeado público. Ademais, apuntan que o servizo de barredora non cobre toda a área, limitándose a puntos concretos sen continuidade nas rúas próximas. Por iso, instan ao goberno local a reforzar os traballos de limpeza e mantemento para garantir unhas condicións axeitadas.
Outro dos rogos céntrase no estado de dúas sinais de tráfico na rúa do Porto, en Celeiro, que presentan danos e inclinación desde hai meses sen que, segundo denuncian, se adoptasen medidas para a súa reparación. O grupo socialista considera que esta situación evidencia unha falta de atención nunha vía que foi recentemente acondicionada e solicita explicacións, así como a súa reposición coa maior brevidade posible para asegurar a seguridade de peóns e condutores.
No ámbito patrimonial, o PSOE tamén chama a atención sobre o estado de conservación de varios monumentos tras a Semana Santa. Sinalan que, a diferenza doutros anos, non se realizaron labores de limpeza da maleza en enclaves destacados como a Porta de Carlos V ou a Igrexa de San Francisco, o que, ao seu xuízo, prexudica a imaxe do municipio nun período de alta afluencia turística. Neste sentido, reclaman explicacións e demandan que se adopten medidas para garantir o coidado destes espazos tanto a curto prazo como en futuras ocasións.
Por último, os socialistas solicitan información sobre un posible convenio de colaboración entre o Concello e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Ciprián de Vieiro para o arranxo de pistas municipais. En concreto, piden aclarar se o acordo xa foi formalizado, o investimento previsto e as actuacións concretas que se van desenvolver, subliñando a importancia da transparencia en cuestións que afectan directamente á veciñanza.