O PSOE de Viveiro destaca o apoio da Deputación ás festas e pide coñecer a achega da Xunta

AMariñaXa
Os socialistas solicitarán no próximo Pleno que o Goberno local detalle a colaboración económica de cada administración e as actividades ás que se destinaron os fondos
viveiro-maria-loureiros-PSOE-2023
20 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro puxo en valor a colaboración económica da Deputación de Lugo coa Comisión de Festas para facer posible parte da programación festiva deste ano. En concreto, a institución provincial contribuíu á celebración de tres das actuacións incluídas no calendario de actividades.

Desde o PSOE sinalan que o respaldo das administracións aos colectivos que traballan na organización de iniciativas no municipio debe estar por riba das siglas políticas. Neste sentido, destacan o labor desenvolvido pola Comisión de Festas, que asumiu unha parte importante da organización, e consideran necesario facilitar recursos que permitan sacar adiante este tipo de propostas.

Os socialistas valoran así a implicación da Deputación e sosteñen que a colaboración económica representa unha mostra de compromiso con Viveiro, independentemente da formación política que estea á fronte do Concello.

Ao mesmo tempo, o grupo municipal levará ao próximo Pleno unha petición para que o Goberno local concrete cal foi a achega económica da Xunta de Galicia ás festas de Viveiro e, en particular, ás actividades organizadas directamente polo Concello.

A formación explica que durante os festexos foi visible unha ampla presenza da imaxe institucional do Goberno autonómico, tanto a través de carteis como de publicidade no palco e noutros espazos e actividades. Por este motivo, considera necesario coñecer se esa visibilidade se corresponde co respaldo económico recibido.

O PSOE reclama, deste xeito, que se fagan públicos os datos relativos ás cantidades achegadas por cada administración e que se especifique a que iniciativas se destinou cada colaboración. Os socialistas defenden que o recoñecemento institucional debe gardar proporción co apoio efectivo recibido e insisten en que valorarán positivamente calquera contribución que beneficie ao municipio, con independencia da súa procedencia.

0.1233971118927