O PSOE de Viveiro defende unha solución coordinada para financiar a Praza de Abastos

AMariñaXa
A Deputación estuda vías de apoio malia que o Concello non destinou fondos do Plan Deputación á actuación
concello-de-viveiro-casa-consistorial-2022
5 May 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro reiterou o seu apoio á rehabilitación da Praza de Abastos e apostou por avanzar nun modelo de financiamento baseado na cooperación entre administracións. A formación subliña a necesidade de articular unha resposta “seria e planificada” para facer realidade unha intervención que consideran estratéxica para a cidade.

Os socialistas destacan que a Deputación Provincial de Lugo continúa a analizar posibles fórmulas de colaboración económica para contribuír á execución da obra, a pesar de que o goberno local optou por destinar a outras actuacións os 600.000 euros asignados ao municipio a través do Plan Deputación, a principal ferramenta de investimento ordinario da institución provincial.

Neste contexto, o PSOE considera fundamental aclarar á cidadanía como se está configurando o financiamento deste proxecto. Segundo explican, o Concello de Viveiro presentou a iniciativa a distintas convocatorias doutras administracións, como unha liña da Xunta de Galicia específica para mercados e prazas de abastos, así como a unha convocatoria do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), orientada á dinamización de espazos e mellora de infraestruturas.

Porén, critican que no momento de decidir o destino dos fondos do Plan Deputación non se reservase ningunha partida para esta actuación, a pesar de tratarse da principal vía ordinaria de financiamento provincial. Deste xeito, sinalan que agora se solicita á Deputación un esforzo extraordinario para cubrir parte do investimento restante.

Ante esta situación, o Grupo Socialista anunciou a presentación dunha emenda de substitución á moción formulada polo Partido Popular, co obxectivo de ampliar a petición de apoio extraordinario ao conxunto das administracións implicadas. A proposta busca evitar un debate simplificado arredor dun posicionamento a favor ou en contra da obra e, no seu lugar, promover unha estratexia de financiamento compartido.

Desde o PSOE insisten en que non cuestionan a necesidade da rehabilitación da Praza de Abastos, senón que apostan por manter abertas todas as vías posibles e reforzar a cooperación institucional para facer viable o proxecto. A emenda que presentarán instará a continuar as xestións tanto coa Xunta de Galicia como coa Deputación e o propio Concello.

A formación socialista defende que a veciñanza debe coñecer con transparencia o estado actual do financiamento, ao tempo que subliña que, malia non terse incluído a actuación na liña ordinaria provincial, a Deputación segue estudando alternativas de colaboración.

O Grupo Municipal Socialista conclúe reafirmando o seu compromiso coa execución da obra, apostando por unha planificación rigorosa, a responsabilidade na xestión e a lealdade entre institucións como claves para sacar adiante este proxecto.

0.12095499038696