O PSOE de Viveiro critica a falta de respecto institucional e cuestiona o reparto da financiación das obras da riada

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro fixo pública a súa crítica pola forma na que se desenvolveu a recente visita da conselleira de Medio Ambiente ao municipio, centrada na presentación das actuacións vinculadas á riada. Desde a formación consideran que se produciu unha “grave falta de respecto institucional” ao non contar coa presenza nin coa convocatoria dos grupos da oposición, tanto PSOE como BNG.
Os socialistas cualifican de inaceptable que un acto de carácter institucional se xestione “con criterios partidistas”, deixando fóra a representantes que, segundo subliñan, contan co respaldo dunha parte moi significativa da cidadanía. Neste sentido, advirten de que non se trata dun feito puntual, senón dunha dinámica que, ao seu xuízo, se vén repetindo nas últimas semanas.
Así, lembran que no último mes e medio tiveron lugar varias visitas de responsables da Xunta de Galicia a Viveiro nas que, segundo denuncian, a alcaldía actuou do mesmo xeito. Entre elas citan a presenza do director de Turismo de Galicia, a visita da conselleira de Infraestruturas para supervisar actuacións na LU-540, ou a da titular de Política Social a instalacións vinculadas á atención a persoas con alzhéimer. Para o PSOE, esta reiteración evidencia unha maneira de proceder que consideran preocupante.
A formación tamén fai referencia ao contexto das actuacións presentadas, lembrando o impacto que tivo a riada de Xunqueira no ano 2018, unha das máis graves rexistradas no municipio. Por iso, consideran que a xestión destas obras debería estar marcada pola “transparencia e a lealdade institucional”, especialmente tras os atrasos acumulados na súa execución.
No apartado económico, os socialistas poñen o foco na evolución da financiación do proxecto. Segundo explican, a base inicial situábase arredor dos 600.000 euros, aínda que posteriormente foi incrementándose ata acadar case o millón de euros. Máis adiante, a licitación reduciuse a algo máis de 812.000 euros, quedando finalmente a adxudicación próxima aos 770.000 euros.
En canto ao reparto das achegas, indican que a Xunta de Galicia asumía inicialmente unha contribución de 600.000 euros, que foi variando co paso do tempo ata situarse nunha porcentaxe aproximada do 61%. O resto da financiación corresponde ao Concello e á Deputación de Lugo, cunha porcentaxe similar para ambas administracións.
Desde o PSOE consideran que a administración autonómica debería manter o compromiso inicial e asumir unha maior parte do custo, evitando que se incremente a carga económica para as institucións locais. Ademais, lembran que parte dos fondos proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea, o que, ao seu entender, reforza a necesidade de revisar o acordo.
Por último, os socialistas reclaman un cambio na forma de gobernar, apostando por unha maior inclusión da oposición nos actos institucionais e por unha xestión máis aberta e respectuosa coa pluralidade política.