O PSOE de Riotorto pon en valor o remate da estrada LUP-5501 por parte da Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
A actuación, solicitada pola agrupación local, permitiu corrixir puntos perigosos e mellorar a seguridade viaria no municipio
jose-garcia-psoe-riotorto
4 Feb 2026

O PSdeG de Riotorto pon en valor o remate das obras de mellora da estrada provincial LUP-5501, unha actuación impulsada pola agrupación socialista de Riotorto e executada grazas ao financiamento da Deputación de Lugo, que supón un avance significativo para a mobilidade e a seguridade viaria no municipio.

As e os socialistas explican que a intervención, que contou cun investimento de 62.241 euros da Deputación, permitiu actuar sobre varios puntos especialmente problemáticos da vía, corrixindo dúas curvas que presentaban dificultades para a circulación e executando un tramo duns 150 metros destinado a protexer unha saída da estrada.

Dende o PSdeG subliñan que se trata dunha obra “necesaria e moi demandada”, froito da escoita ás necesidades da cidadanía e do traballo constante da agrupación socialista, así como do compromiso da Deputación de Lugo co rural. “Cando hai vontade política e colaboración institucional, os proxectos saen adiante e tradúcense en melloras reais para a xente”, sinalan.

O Secretario Xeral da agrupación socialista de Riotorto, José García, valorou de forma moi positiva o remate das obras e destacou que “esta actuación é un exemplo claro de como o socialismo dá respostas concretas aos problemas da cidadanía”, ao tempo que puxo en valor “a disposición permanente da Deputación de Lugo para atender as demandas dos concellos e mellorar a calidade de vida da veciñanza”. García subliñou ademais que “é unha satisfacción ver feito realidade un proxecto polo que levamos tempo traballando e que responde a unha demanda histórica da veciñanza”.

A formación lembra que os investimentos en estradas provinciais son fundamentais para garantir conexións seguras entre os distintos núcleos de poboación, reforzar a cohesión territorial e combater o illamento do rural, e reiteran que seguirán traballando para que Riotorto conte cos servizos e comunicacións axeitadas.

⚙ Configurar cookies
0.077152967453003