O PSOE de Ribadeo pon en marcha o seu Comité Electoral para as eleccións xerais do 29 de novembro

AMariñaXa
Marietta Pérez Sanz coordinará a campaña, na que participarán outros catro responsables de diferentes áreas, tras recibir o respaldo unánime da militancia nunha asemblea extraordinaria
concello-ribadeo-2026
10 Nov 2026

O PSdeG-PSOE de Ribadeo xa ten constituído o equipo que se encargará de organizar e coordinar a súa actividade de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. A agrupación celebrou na tarde do luns 9 de novembro unha asemblea extraordinaria na que a militancia aprobou por unanimidade a creación do Comité Electoral Local. A reunión estivo presidida por Lucho Lago Lage, presidente da Comisión Xestora provincial.

A coordinación xeral da campaña recaerá en Marietta Pérez Sanz, mentres que Aurora Fernández asumirá a organización dos actos públicos. Pola súa banda, Juan Ramón Martínez Pérez será o responsable da coordinación da xornada electoral; Víctor López Pérez ocuparase da comunicación e das redes sociais, e David Fernández Feijóo estará á fronte das tarefas de mobilización.

Este equipo será o encargado de planificar o calendario de actividades electorais da agrupación durante as próximas semanas e de coordinar a participación dos militantes nos distintos cometidos relacionados coa campaña e coa cita coas urnas.

Desde a Xestora provincial valoraron positivamente o respaldo unánime da asemblea, que consideran un paso relevante para reforzar a organización socialista en Ribadeo e preparar o traballo electoral.

"A constitución deste equipo reflicte a vontade dos compañeiros e compañeiras de traballar xuntos e asumir responsabilidades. É un paso que nos anima a seguir sumando e a afrontar con confianza a campaña das vindeiras eleccións xerais", sinalaron desde a dirección provincial.

0.15228700637817