O PSOE de Mondoñedo esixe a cobertura das prazas de médicos do centro de saúde

AMariñaXa
Os socialistas critican que o servizo pasou de contar con catro facultativos a ter unicamente dous, tras unha xubilación e unha baixa
CENTRO-SAUDE-MONDONEDO
19 Sep 2026

Dende o PSdeG-PSOE de Mondoñedo denunciou publicamente a "insostible situación" de carencia de persoal no Centro de Saúde e Mondoñedo, “froito da deixadez e a falta de planificación” do Goberno do PP. Por iso esixen “a reposición urxente dos médicos de familia que faltan para garantir unha atención sanitaria digna e de calidade á veciñanza de Mondoñedo”.

Así as cousas, argumentan que o Centro de Saúde de Mondoñedo contaba ata fai pouco con catro médicos de familia, un cadro de persoal que actualmente quedou reducido á metade, só con dous. “Esta precariedade débese a que un dos facultativos xubilouse recentemente e outro posto non foi substituído, deixando unicamente a dous profesionais para atender a toda a poboación do municipio que ascende a máis de 3.300 persoas”.

Como consecuencia directa deste recorte encuberto de persoal, o tempo de agarda para obter unha cita na atención primaria disparouse ata acadar unha semana de demora. Por iso denuncian que “é totalmente intolerable esta situación, nun servizo esencial e básico como a sanidade. A veciñanza non pode agardar ata sete días para ser atendidos polo seu médico de cabeceira".

O mesmo sucede para solicitar receitas, a espera para os doentes prolongase ata preto de 15 dias. “Varios veciños e veciñas e afectados por estes atrasos puxeron en contacto coa Agrupación Socialista, para denunciar esta anómala atención sanitaria”. E replican que “é inadmisible que os recortes e a falta de persoal acaben castigando, unha vez máis, aos usuarios máis vulnerables do noso sistema público de saúde de Mondoñedo”.

Sobrecarga aos dous médicos

Os socialistas remarcan que esta situación non só sobrecarga de xeito alarmante aos dous únicos médicos en activo —cunha inasumible presión asistencial—, senón que desprotexe especialmente a unha poboación envellecida e dispersa como a de Mondoñedo, que precisa dunha atención próxima e áxil.

Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Mondoñedo insta ao PP a cubrir de xeito inmediato e por vía de urxencia as dúas prazas vacantes. Así mesmo, esixen ao goberno do PP de Mondoñedo que se implique “para resolver esta carencia de persoal e deixe de poñerse de perfil ante o desmantelamento dos servizos públicos do concello, e que defenda con firmeza os dereitos sanitarios dos seus veciños diante da administración autonómica”, conclúen.

0.14497590065002