O PSOE de Mondoñedo acusa ao PP de deixar perder unha subvención europea para vivenda e espazos públicos

AMariñaXa
Os socialistas sosteñen que a falta de información e xestión municipal provocou a devolución dos fondos destinados á rehabilitación de edificios e á mellora de barrios
PSOE-MONDOÑEDO-RECLAMA-LIMPEZA-CEMENTERIO-VELLO-8-6-2026
8 Jun 2026

O Grupo Municipal do PSOE de Mondoñedo cargou contra o Goberno local do PP tras coñecerse no último pleno municipal a devolución dunha subvención de 650.000 euros procedente dos fondos europeos Next Generation EU. A axuda estaba destinada á rehabilitación de edificios residenciais e á mellora de espazos públicos dentro do Programa de Axuda ás Actuacións de Rehabilitación a Nivel de Barrio, incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Segundo explicaron os socialistas, a información foi facilitada polo alcalde en resposta a unha pregunta formulada polo seu grupo durante a sesión plenaria. O rexedor indicou que a subvención tivo que ser devolta ao non rexistrarse solicitudes para acceder ás axudas. Porén, desde o PSOE consideran que esa situación é consecuencia directa da falta de difusión e promoción do programa por parte do Executivo municipal.

Os socialistas aseguran que o Concello non impulsou campañas informativas específicas nin realizou reunións coa veciñanza para explicar as características da convocatoria e as posibilidades que ofrecía para a rehabilitación de vivendas. Tamén sosteñen que a única publicidade realizada foi a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia cando o prazo xa estaba próximo ao seu remate.

Para o grupo da oposición, a perda destes fondos supón unha oportunidade desaproveitada para contribuír á mellora do parque residencial do municipio e para impulsar actuacións que poderían ter repercusión tanto na calidade de vida da cidadanía como na actividade económica local. Ademais, apuntan que, segundo a documentación municipal, os fondos permaneceron nas arcas locais desde o verán de 2023 sen que se materializasen actuacións ao abeiro desta convocatoria.

No debate plenario, o Goberno local manifestou que mantivo contactos coa Xunta de Galicia co obxectivo de explorar a posibilidade de que os recursos económicos puidesen volver destinarse a actuacións en Mondoñedo. Con todo, o PSOE defende que, ao tratarse dunha subvención regulada por normativa estatal e vinculada a fondos europeos finalistas, unha vez formalizada a renuncia os recursos deben ser reintegrados para a súa posterior reasignación conforme aos procedementos establecidos.

Os socialistas acompañaron as súas críticas cun repaso ás principais datas do expediente, lembrando que a normativa que regula estas axudas foi aprobada en 2021, que o Concello solicitou participar no programa en 2022 e que os 650.000 euros foron transferidos ás contas municipais en xullo de 2023. A renuncia formal, segundo indican, produciuse o pasado 20 de maio de 2026.

Noutra orde de asuntos abordados durante o pleno, o Grupo Municipal Socialista solicitou información sobre o convenio subscrito coa empresa Norvento para a mellora dunha pista entre a Cruz da Cancela e Campo de Oso. Tamén trasladou ao Executivo a necesidade de realizar actuacións de limpeza nas tajeas da zona de Cubelos, na parroquia de Santa María Maior.

Ademais, no apartado de rogos, os socialistas reclamaron traballos de conservación e limpeza no Cemiterio Vello, así como unha posta a punto das instalacións da Escola Municipal de Música e do Auditorio. Igualmente, pediron que se requira aos propietarios dun inmoble da rúa Bispo Sarmiento a execución de tarefas de mantemento ante o risco de caída de cristais á vía pública. O grupo tamén se referiu á desaparición dunha casiña para gatos no barrio de San Lázaro, que finalmente foi localizada.

0.12577295303345