O PSOE de Foz condena un acto vandálico na Casa do Pobo que deixou un dos vidros roto

Foz
AMariñaXa
A agrupación socialista denunciou os feitos ante as forzas de seguridade e chama a reflexionar sobre o respecto na política tras rexistrarse meses atrás pintadas ameazantes na mesma sede
PSOE-FOz-rotura-cristal-agosto-2026
14 Aug 2026

A Agrupación Socialista de Foz denunciou un novo episodio vandálico na Casa do Pobo despois de que o lanzamento dunha botella contra o local provocase a rotura dun dos vidros. A formación condenou o sucedido e confirmou que os feitos xa foron postos en coñecemento das forzas de seguridade.

Os socialistas facilitaron os elementos dos que dispoñen para contribuír á investigación e ao esclarecemento do ocorrido. Desde a agrupación evitan facer interpretacións sobre quen puido estar detrás do ataque ou sobre as súas posibles motivacións, aínda que consideran necesario denunciar publicamente este tipo de comportamentos para evitar que se normalicen.

O episodio prodúcese despois de que, hai poucos meses, a mesma sede aparecese con pintadas de carácter ameazante. O PSOE de Foz precisa que non dispón de elementos para establecer unha relación entre ambos os feitos, pero considera que a súa sucesión debe servir para abrir unha reflexión sobre o clima que rodea actualmente o debate político.

Neste sentido, a agrupación alerta dunha progresiva normalización dos insultos, as descualificacións persoais e o desprezo cara a quen mantén posicións diferentes, unha situación que, ao seu xuízo, resulta especialmente visible nas redes sociais. Os socialistas cuestionan tamén o comportamento daqueles perfís que basean a súa participación na conversa pública no ataque continuado, no sinalamento persoal e na confrontación.

O secretario de Organización do PSdeG-PSOE de Foz, Carlos García, defende que tanto a crítica política como a discrepancia forman parte dunha sociedade democrática, pero insiste na necesidade de establecer unha fronteira clara co ataque persoal. “Unha botella non rompe só un cristal. Antes tivo que romperse algo no respecto por quen pensa diferente”, sinala.

Desde a agrupación lembran que detrás dos cargos públicos, militantes, simpatizantes e formacións políticas existen persoas e advirten das consecuencias de converter a quen sostén outras ideas nun adversario contra o que se considera válido calquera tipo de comportamento.

O PSOE focense asegura que non pretende dramatizar o sucedido nin empregalo como instrumento de confrontación política. Pola contra, reivindica un modelo no que sexa posible manter discrepancias profundas e defender posicións contrapostas sen que iso derive na deshumanización ou na falta de respecto cara ao contrario.

A actividade da agrupación continuará con normalidade tras o incidente. Os socialistas aseguran que seguirán defendendo as súas propostas ao mesmo tempo que respectan as posicións das persoas que pensan de maneira diferente e reivindican o diálogo como unha das bases da convivencia democrática.

0.11277604103088