O PSOE de Burela reclama 6,1 millóns de euros á Xunta para educación, vivenda e transporte

AMariñaXa
A proposta de cinco emendas aos Orzamentos de 2027 inclúe a rehabilitación do CEIP Vista Alegre, melloras de accesibilidade no IES O Perdouro e investimentos na VAC Costa Norte
Burela-Ceip-vista-alegre-manifestacion-educacion-1
1 Nov 2026

O PSdeG-PSOE de Burela trasladará ao Grupo Parlamentario Socialista cinco emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 por un importe total de 6,1 millóns de euros. As propostas buscan atender necesidades do municipio en materia educativa e de vivenda, así como mellorar as infraestruturas viarias e o transporte público na Mariña.

No ámbito educativo, os socialistas solicitan 500.000 euros como primeira anualidade para a rehabilitación integral do CEIP Vista Alegre, que incluiría a renovación das cubertas, a eliminación de humidades, a mellora das instalacións, a accesibilidade e o acondicionamento dos exteriores. Ademais, propoñen destinar 150.000 euros á eliminación de barreiras arquitectónicas no IES O Perdouro, mediante a instalación dun ascensor ou outros sistemas de elevación e a adaptación dos itinerarios entre edificios.

En materia de vivenda, a agrupación reclama 250.000 euros para realizar os estudos técnicos e redactar o proxecto dunha promoción pública nos terreos cedidos polo Concello ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), na zona de Torrentes. A maior partida, de cinco millóns de euros, destinaríase a impulsar a VAC Costa Norte, mentres que os 200.000 euros restantes servirían para reforzar as frecuencias e mellorar os horarios do transporte interurbano entre os municipios da Mariña, con especial atención ás conexións co Hospital Público da Mariña e aos servizos durante as fins de semana.

O PSOE local defende que estas actuacións responden a necesidades concretas da vila e da comarca e reclama que conten con financiamento nos orzamentos autonómicos de 2027.

0.15492582321167