O PSOE advirte que a Xunta exclúe das axudas a 38 das 63 confrarías

A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou hoxe que a conselleira do Mar deixe fóra do novo Plan de rexeneración do marisqueo a 38 das 63 confrarías galegas. Así o dixo na comparecencia da conselleira no Pleno do Parlamento, na que criticou que “o problema vai a máis e vostedes van a menos”.
A responsable socialista criticou que o goberno galego teña mudado o Plan de competitividade do marisqueo co que ían mobilizar 123 millóns de 2024 dos que o sector apenas recibiu nada para anunciar agora un Plan de rexeneración para reducir o investimento a 22,7 millóns, un 81,54 por cento inferior.
Castro advertiu que o novo Plan de axudas resulta “incompatible co anterior, de menor cantidade económica e menor alcance” diante da peor crise histórica do marisqueo de Galicia, que ademais o goberno coñecía, como demostra o informe do Intecmar feito público onte. Advertiu que “o goberno do PP leva ignorando os datos dende 2011 ata agora”, o que demostra que dirixen unha consellería “esgotada e sen modelo de futuro”.
Resumiu que “o problema non é que hoxe anuncien un novo Plan, o problema é que cada vez que o sector entra nunha crise, a Xunta responde cun novo titular, un novo nome e unha nova cifra” pero sen explicar o que pasou cos 123 millóns de euros que tiñan anunciados para investir entre 2024 e 2025 e dos que “non se sabe nada”.
Denunciou que “levan 17 anos a remolque”, actuando “como unha aseguradora de sinistros, para anunciar axudas cando o marisco xa morreu, e pagándoas, no mellor dos casos, cando hai eleccións cerca”. Sen embargo, criticou que renuncien a “exercer como un verdadeiro órgano de planificación e prevención científica”, a pesar de contar con tódolos recursos necesarios.