O PSdeG levará ao Pleno da Deputación dúas mocións para reforzar emerxencias e mudar a política forestal da Xunta

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os socialistas reclaman melloras na cobertura da montaña lucense, máis medios para os GES e un operativo contra incendios profesional e estable durante todo o ano
PSOE-Deputación-de-Lugo-pleno
27 Apr 2026

O Grupo Provincial Socialista presentará no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo dúas mocións co obxectivo de reclamar á Xunta de Galicia que poña fin ao abandono do interior da provincia e actúe con responsabilidade en dous ámbitos considerados prioritarios para a seguridade da cidadanía: a atención ás emerxencias e a prevención dos incendios forestais. As iniciativas céntranse, por unha banda, en mellorar a cobertura na montaña lucense mediante o estudo dun novo parque de bombeiros e o reforzo dos GES e, pola outra, en impulsar un cambio profundo no modelo de política forestal.

A primeira proposta fai fincapé nas dificultades de resposta que sofren comarcas como A Fonsagrada, Os Ancares e Becerreá, onde os tempos de intervención desde os parques de bombeiros superan amplamente os límites recomendables e, en numerosos casos, chegan a superar os 60 minutos. Para o PSdeG, esta realidade demostra que a Xunta non está a garantir o mesmo nivel de seguridade a toda a veciñanza da provincia e que o Partido Popular continúa permitindo que vivir no rural supoña contar con menos servizos e menor protección.

Por este motivo, os socialistas instarán ao Goberno galego a analizar de maneira urxente e coordinada coa Deputación a viabilidade da creación dun parque de bombeiros na montaña lucense que permita asegurar tempos de resposta eficaces nas zonas actualmente desatendidas. A moción tamén solicita estudar a posible integración dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais no Consorcio Provincial de Lugo, ademais de reforzar os recursos humanos e materiais, avanzar na súa profesionalización progresiva e establecer un sistema de financiamento estable, equilibrado e plurianual.

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, advertiu de que “a seguridade da veciñanza non pode depender do código postal no que viva” e subliñou que “a Xunta ten que deixar de mirar para outro lado mentres hai zonas da provincia nas que unha emerxencia pode tardar máis dunha hora en recibir resposta”.

A segunda moción que o PSdeG levará á sesión plenaria reclama tamén un cambio de rumbo na política forestal e na prevención dos lumes. O grupo lembra que Lugo foi en 2025 a segunda provincia galega máis afectada polos incendios e denuncia que, un ano despois, o Executivo autonómico segue sen corrixir as eivas estruturais que deixaron o rural máis exposto ao lume.

Os socialistas sosteñen que a estratexia da Xunta continúa excesivamente centrada na extinción, relegando a un segundo plano a prevención, a restauración do territorio e os traballos de xestión da biomasa e mantemento do monte. Fronte a este modelo, propoñen un operativo profesional, con medios suficientes e capacidade de actuación durante todo o ano, garantindo ademais a presenza efectiva no territorio dos recursos comprometidos.

A iniciativa tamén reclama que a Xunta deixe de trasladar aos concellos responsabilidades que lle corresponden e asuma directamente as tarefas de limpeza e mantemento das áreas de protección cando non sexan executadas polas persoas titulares, colaborando coas administracións locais no canto de incrementar as súas obrigas sen financiamento axeitado.

Ademais, a moción incorpora a posta en marcha de plans de autoprotección e evacuación nas zonas de alto risco, así como o impulso das ferramentas pendentes de planificación forestal. Entre elas figuran a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais, a aprobación en prazo do PLADIGA, a elaboración dos plans de ordenación dos recursos forestais en todos os distritos e a presentación, antes de rematar o ano, dun informe sobre o seu grao de cumprimento no Parlamento de Galicia.

Pilar García Porto resumiu o sentido das dúas iniciativas asegurando que “estamos ante dous síntomas da mesma realidade: un PP que abandona o interior e que deixa ao rural con menos protección, menos medios e menos capacidade de resposta”. Tamén engadiu que Lugo “non pode seguir asumindo as consecuencias dunha Xunta que chega tarde ás emerxencias, chega tarde aos incendios e chega tarde ás necesidades da veciñanza”.

A portavoz concluíu sinalando que “Lugo precisa un sistema de emerxencias próximo, estable e profesional, e unha política forestal que conecte a prevención coa recuperación económica e social dos territorios afectados. Iso é defender o rural con feitos, con medios e con responsabilidade institucional”.

0.11732006072998