O PSdeG do Vicedo reclama un plan municipal para mellorar a conservación dos espazos públicos

O Grupo Municipal Socialista do Vicedo defenderá no pleno previsto para o vindeiro 29 de xullo unha moción coa que pretende impulsar a elaboración dun Plan Municipal de Conservación e Mantemento dos Espazos Públicos. A iniciativa busca establecer unha estratexia de actuación continuada que permita frear o deterioro das infraestruturas municipais, optimizar os recursos públicos e garantir unhas instalacións en condicións para o uso da veciñanza.
Desde o PSdeG consideran que a falta dun mantemento periódico está a provocar un progresivo desgaste de numerosos espazos públicos repartidos polo municipio. Entre os elementos que sinalan figuran as pasarelas de madeira, as beirarrúas dos núcleos do Folgueiro e do Vicedo, así como bancos, xardineiras, mesas das áreas de descanso e outro mobiliario urbano que, ao seu xuízo, precisa intervencións regulares.
A formación tamén chama a atención sobre o estado dos contedores de residuos, especialmente durante os meses de verán, cando, segundo indican, a ausencia dunha limpeza e desinfección periódicas favorece a aparición de malos cheiros e problemas relacionados coa salubridade.
Na moción, os socialistas defenden igualmente unha mellor planificación dos investimentos municipais. Neste sentido, apuntan a actuacións como o lavadoiro de bicicletas de Riobarba ou o parque biosaudable das Laxes, infraestruturas que, segundo sosteñen, non acadaron o nivel de utilización previsto. Ao mesmo tempo, lembran que outras instalacións xa existentes, como a pista de pádel do Folgueiro ou o pavillón municipal Jesús Manuel Bellas "Kubala", precisan dun mantemento continuado para conservar as súas prestacións e prolongar a súa vida útil.
Entre as medidas que propoñen figura a posta en marcha dun calendario periódico de actuacións sobre beirarrúas, áreas de descanso, pasarelas e demais espazos públicos, así como a contratación dun servizo regular de limpeza e desinfección dos contedores municipais.
A voceira socialista, Verónica Canoura, sostén que "non se trata de facer investimentos por facer, senón de planificar actuacións útiles e necesarias e garantir posteriormente o seu mantemento para que poidan conservarse e ser aproveitadas ao longo do tempo". Na mesma liña, defende que gobernar tamén implica conservar as infraestruturas existentes e orientar os investimentos cara ás necesidades reais do municipio.