O PSdeG do Vicedo acusa ao PP de impedir o debate das súas iniciativas no Pleno

AMariñaXa
As socialistas censuran o rexeitamento da súa proposta para mellorar o mantemento dos espazos públicos e cuestionan un investimento de preto de 100.000 euros por consideralo improvisado
PSOE-O-Vicedo-2025
30 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista do Vicedo criticou con dureza o desenvolvemento do Pleno ordinario celebrado este mércores, no que, segundo denunciou, o Goberno local do Partido Popular impediu que a súa moción para crear un Plan Municipal de Conservación e Mantemento dos Espazos Públicos puidese ser debatida. As concelleiras do PSdeG aseguran que a presentación dunha emenda á totalidade por parte do executivo municipal evitou que a iniciativa fose defendida e sometida á consideración da Corporación.

A voceira socialista, Verónica Canoura, lamentou o que definiu como unha actitude "autoritaria" por parte do alcalde e denunciou que durante a sesión se produciron continuas interrupcións ás intervencións da oposición. Segundo explicou, esta situación dificulta que o grupo poida presentar con normalidade as súas propostas e exercer o labor de control ao Goberno local.

A iniciativa socialista apostaba por establecer unha programación periódica para garantir o correcto estado de conservación das pasarelas de madeira, beirarrúas, áreas de descanso, bancos, xardineiras e demais elementos do mobiliario urbano. Ademais, incluía a posta en marcha dun servizo regular para a limpeza e desinfección dos contedores municipais, especialmente durante a época estival, cando aumenta a poboación e a xeración de residuos.

A concelleira Lucía Prieto cuestionou que o executivo municipal atribuíse estas carencias á falta de persoal, lembrando que unha parte importante do orzamento do Concello está destinada precisamente aos gastos de persoal. Ao seu xuízo, actuacións como a reparación das pasarelas das praias ou o mantemento das zonas públicas forman parte das obrigas ordinarias da administración local e non deberían depender da dispoñibilidade puntual de recursos económicos.

Outro dos asuntos que xerou críticas por parte do PSdeG foi a aprobación dunha modificación de crédito para financiar a construción dunha pista multideportiva no colexio do Vicedo, cun investimento próximo aos 100.000 euros. As socialistas aseguraron que descoñecían a existencia deste proxecto ata a pasada semana e lembraron que a información trasladada anteriormente facía referencia unicamente á execución dunha soleira de formigón para unha futura pista de calistenia.

Desde o grupo da oposición consideran que esta actuación evidencia a falta de planificación do Goberno municipal e defenden que os investimentos deben responder a prioridades previamente definidas, ademais de prever os recursos necesarios para garantir o seu mantemento unha vez executados.

No apartado de rogos e preguntas, o Grupo Socialista solicitou a actualización do blog da Casa da Cultura, sen novidades desde xullo de 2024, reclamou unha programación cultural estable ao longo de todo o ano e repartida polas distintas parroquias, pediu corrixir o inventario municipal respecto á titularidade dun tramo da estrada LU-P-6405 e solicitou que todos os membros da Corporación sexan convocados aos actos institucionais organizados polo Concello.

Así mesmo, interesouse pola situación do Centro de Día, polas reunións mantidas polo alcalde con outras administracións, pola planificación municipal para os próximos meses, polo estado de tramitación do PXOM, polo reparto das lentes homologadas para observar a eclipse solar entregadas pola Deputación e pola contratación da brigada municipal contra incendios e do servizo de socorrismo.

O PSdeG concluíu reafirmando o seu compromiso de continuar exercendo a labor de fiscalización do Goberno local e animou á veciñanza a comunicar ao Concello calquera incidencia detectada nos espazos, servizos ou infraestruturas municipais para favorecer a súa resolución.

0.11659097671509