O PSdeG denuncia a perda de ambición nas infraestruturas de Lugo baixo a xestión da Xunta

A deputada no Congreso Patricia Otero e o senador por Lugo César Mogo compareceron en rolda de prensa para denunciar o deterioro progresivo das infraestruturas públicas na provincia de Lugo, que atribúen á política desenvolvida polo Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia. Ambos coincidiron en sinalar unha dinámica continuada de renuncias, recortes e rebaixas de categoría en proxectos estratéxicos que afectan de maneira directa a territorios como A Mariña, O Courel e o sur lucense.
Durante a súa intervención, César Mogo fixo balance do inicio do curso político estatal, destacando a actividade desenvolvida polo Goberno de España nas primeiras semanas do ano. Segundo explicou, en apenas quince días impulsáronse medidas de gran relevancia, entre elas un acordo inédito coa Igrexa e iniciativas fundamentais no ámbito da vivenda e dos alugueiros.
O senador quixo desmontar a idea dunha suposta parálise institucional, asegurando que o Executivo central “está a gobernar cunha intensidade política moi notable”. Nese sentido, lembrou que tanto o Congreso como o Senado celebraron plenos esta mesma semana, o que, ao seu xuízo, demostra que a actividade parlamentaria está plenamente en marcha, malia que “o ruído político ás veces impida ver con claridade a acción de goberno”.
Fronte a esta realidade, Mogo criticou duramente a estratexia do Partido Popular, á que cualificou como unha política de “luz de gas”, coa que se tenta transmitir á cidadanía unha imaxe de bloqueo do Goberno central. Un discurso que, segundo subliñou, non se corresponde cos feitos e que contrasta coa reactivación da obra pública en Lugo grazas á acción do Executivo estatal tras anos de estancamento baixo gobernos do PP.
O senador referiuse tamén aos acontecementos do pasado mes de decembro no Congreso dos Deputados, cando se produciu un intento de fraude na votación dunha lei de economía social no que, segundo as informacións publicadas, estaría implicado un deputado do PP por Lugo. Mogo lamentou que, ata o momento, non se ofrecese ningunha explicación pública nin comparecencia para aclarar os feitos.
Pola súa banda, Patricia Otero contrapuxo o balance do Goberno central coa “visión escura e negativa” que, ao seu entender, pretende proxectar o Partido Popular. “Se falamos de escuridade, hai que lembrar os anos de goberno do PP, nos que na provincia de Lugo non se executou nin unha soa obra pública de mínima entidade durante case sete anos con Mariano Rajoy á fronte do Executivo”, afirmou.
No ámbito do financiamento autonómico, a deputada lembrou que o Goberno de España puxo sobre a mesa unha proposta que suporía para Galicia uns 600 millóns de euros adicionais cada ano, ademais dunha condonación da débeda que ascende a 4.010 millóns de euros. Otero advertiu de que o PP terá que dar explicacións cando estas medidas cheguen ao Congreso dos Deputados e xustificar por que se opoñen a elas.
En materia de infraestruturas, a deputada insistiu en que existen “dous modelos claramente diferenciados”. Mentres o Goberno central avanza a bo ritmo en actuacións como a A-54 ou a Estación Intermodal de Lugo, denunciou o silencio do Partido Popular ante os incumprimentos da Xunta de Galicia nas infraestruturas da súa competencia.
Especialmente crítica foi Otero coa situación da VAC Costa Norte. Segundo explicou, a finais de 2025 a Xunta anunciou con grande aparato mediático unha decisión que, na práctica, supón a renuncia definitiva ao proxecto dunha vía de alta capacidade. Tras máis de 25 anos de promesas incumpridas, o Goberno galego opta agora por substituír a VAC por unha estrada convencional de pouco máis de seis quilómetros e cun investimento moi inferior ao inicialmente previsto.
“O PP da Xunta de Galicia abandona a VAC Costa Norte e comeza de cero cunha variante que non deixa de ser unha estrada convencional”, denunciou a deputada, quen considerou que esta decisión simboliza o abandono institucional da Mariña lucense e doutras comarcas do norte. “Foi como recibir un agasallo envenenado; os Reis Magos chegaron antes á Mariña para traernos unha mala nova”, ironizou.
Otero puxo tamén o foco no contexto político no que se produciu este anuncio, lembrando que na presentación celebrada en Celeiro estiveron presentes tanto a alcaldesa de Viveiro como representantes de Por Viveiro. A deputada recordou que esta formación se comprometera no acordo da moción de censura a defender a execución da VAC Costa Norte, polo que cualificou de especialmente grave que agora avalen unha rebaixa tan significativa do proxecto.
Segundo advertiu, esta política de renuncias non é un feito illado, senón unha constante que se repite noutros proxectos estratéxicos da provincia, como o desdobramento completo do corredor Nadela-Monforte, que finalmente quedou reducido ao tramo entre Nadela e Sarria.
Ambos parlamentarios coincidiron en denunciar a “hipocrisía” do Partido Popular, ao esixir prazos irreais ao Goberno central mentres gardan silencio ante os atrasos e recortes nas infraestruturas que dependen da Xunta. Tal e como resumiu César Mogo, en Galicia estase a producir “unha degradación de proxectos moi importantes, que pasan de vías de altas prestacións a simples estradas convencionais”.
Desde o PSdeG-PSOE na provincia de Lugo instan á Xunta de Galicia a deixar de lado a propaganda, recuperar os compromisos adquiridos e apostar por infraestruturas que respondan ás necesidades reais do territorio.