O PSdeG de Xove reclama respostas do Goberno local sobre a auga, a vivenda e os servizos municipais

O Grupo Municipal Socialista de Xove critica a falta de respostas concretas do Goberno de Demetrio Salgueiro ás cuestións formuladas no último pleno sobre a subministración de auga, a vivenda, as instalacións deportivas e diferentes servizos municipais. A formación considera que o Executivo local continúa respondendo ás necesidades do municipio con anuncios e compromisos que, ao seu xuízo, non se concretan en actuacións e prazos.
Un dos asuntos centrais foi o canon da auga. O PSdeG lamenta que o PP rexeitase a súa moción, na que reclamaba establecer criterios obxectivos para determinar o retorno aos concellos dos fondos recadados. Os socialistas explican que o alcalde xustificou o voto contrario lembrando que Xove achega arredor de 70.000 euros anuais por este concepto e que a Xunta prevé investir 1,5 millóns de euros no municipio.
A proposta socialista establecía que polo menos o 50% da recadación revertese no propio municipio, mentres que un 30% se destinase á solidariedade territorial e un máximo do 20% aos custos do sistema autonómico. Tamén pedía que se fixese público cada ano o destino dos fondos. "Salgueiro ten que explicar por que se opón a un reparto con criterios obxectivos e a que saibamos onde van os cartos da veciñanza", sinalan.
En relación coa depuradora, o PSdeG cuestiona que o alcalde puxese sobre a mesa os sete millóns de euros destinados a esta infraestrutura e lembra que a actuación foi executada durante o Goberno socialista de Emilio Pérez Touriño. Ademais, considera que a intervención anunciada agora non permitirá resolver "nin de lonxe" todos os problemas de subministración existentes no municipio.
A vivenda foi outro dos temas abordados no pleno. Os socialistas preguntaron polo número de vivendas sociais das que dispón o Concello e polos criterios empregados para a súa adxudicación. Segundo explican, o alcalde respondeu que o municipio non conta con ningunha e que tampouco ten previsto solicitar este tipo de recursos. O PSdeG considera que esta situación representa unha carencia e critica que non exista intención de incorporalos. "Non ter vivendas sociais é unha gran carencia, pero non ter intención de solicitalas é unha decisión puramente política", sinalan.
Tamén reclamaron información sobre o funcionamento e as tarifas do centro de día. O rexedor situou a súa apertura no mes de novembro e indicou que os prezos serán establecidos por COGAMI. Os socialistas piden que se concreten as condicións económicas e de acceso para as familias e advirten de que a externalización da xestión non debería impedir ao Concello ofrecer información sobre o servizo.
No caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o grupo socialista interesouse polo proceso de licitación, ao que, segundo explica, só concorreu unha empresa. A formación volve defender a xestión pública dos servizos e cuestiona que o Goberno local continúe externalizando prestacións.
As instalacións deportivas tamén centraron parte das preguntas. O PSdeG solicitou a elaboración dun proxecto para construír un novo pavillón multiusos, fronte á defensa do actual realizada polo alcalde. Os socialistas consideran que o equipamento presenta problemas de saturación, conta cunha pista de formigón e dispón de bancadas que cualifican de deficientes. Por iso, consideran insuficiente a afirmación de que se fará outro pavillón se non existe un compromiso concreto.
A formación cuestiona igualmente as sucesivas modificacións de crédito realizadas polo Concello, que vincula coa falta de planificación. Ademais, reclama que a cesión dos dolos de Morás e do acceso a Portos de Galicia se traduza finalmente nas melloras que, segundo sinalan, se veñen prometendo desde 2007. "Queremos obras e prazos, non máis anuncios electorais", esixe o grupo socialista.
Finalmente, o PSdeG denuncia o que considera un ton intimidatorio empregado polo alcalde cara á voceira socialista, Rogelia Mariña. A formación asegura que continuará levando ao pleno as cuestións que afectan á veciñanza. "A Salgueiro pode molestarlle que lle pidamos explicacións, pero a súa obriga é responder. Seguiremos levando ao pleno os problemas da veciñanza cantas veces sexa necesario", conclúen os socialistas.