O PSdeG de Xove reclama que o futuro centro de día adapte as tarifas á renda dos usuarios

AMariñaXa
Os socialistas consideran que os prezos previstos son similares aos dun centro privado e levaron tamén ao pleno problemas de accesibilidade, seguridade peonil e actuacións pendentes
Xove-PSOE-candidatura
16 Sep 2026

O PSdeG de Xove reclamou no pleno de setembro que as tarifas do futuro centro de día se establezan en función da renda das persoas usuarias, ao considerar que os prezos previstos para este servizo, que será xestionado por COGAMI, son similares aos dun centro privado a pesar de que as instalacións foron construídas con fondos públicos e sobre terreo municipal.

Os socialistas, que valoraron positivamente que o municipio vaia dispoñer deste recurso, lembraron que a súa creación foi unha das demandas que formularon ao inicio do actual mandato. Porén, cuestionaron as condicións económicas previstas para acceder ás instalacións e defenderon un modelo que facilite a entrada das persoas con menos recursos.

"Non entendemos que un centro construído con cartos de toda a veciñanza, nun terreo público, teña unhas tarifas como as dun centro privado. O PP debe ter en conta a renda para facilitar o acceso ás persoas que máis o necesitan", sostiveron desde o grupo municipal.

Os socialistas piden unha data para a apertura

A formación aproveitou o pleno para reclamar tamén información concreta sobre cando comezará a funcionar o centro de día e en que condicións se prestará o servizo. Segundo o PSdeG, o alcalde, Demetrio Salgueiro, recoñeceu durante a sesión que aínda descoñece a data de apertura.

"Non é aceptable que as persoas maiores teñan que agardar nunha marquesiña á intemperie. Salgueiro leva vinte anos gobernando e tivo que ser o PSdeG quen lle lembrase que Xove necesita un centro de día. Agora debe explicar cando abrirá e en que condicións, porque as persoas maiores e as súas familias necesitan respostas", manifestaron.

A accesibilidade foi outro dos asuntos que os socialistas puxeron sobre a mesa. O grupo advertiu de problemas no funcionamento do sinal acústico dos semáforos, especialmente no situado fronte ás vivendas sociais, e interesouse pola súa revisión. Segundo a formación, o rexedor respondeu facendo referencia ao cumprimento da normativa europea, pero sen aclarar as incidencias denunciadas.

En Palmeiro, o PSdeG solicitou revisar a distribución das prazas de estacionamento reservadas para persoas con discapacidade e crear, polo menos, outras dúas nas proximidades dos accesos adaptados aos edificios. A estas demandas sumou a mellora das xardineiras e a instalación de alumeado público no acceso ao antigo colexio.

Máis prioridade para os peóns

Os socialistas reclamaron ademais que o tramo do Camiño Real comprendido entre a casa Patrocina e a farmacia, así como a rúa de acceso á residencia de San Bartolomé, sexan sinalizados como vías de prioridade peonil. A proposta busca, segundo argumentaron, aumentar a seguridade especialmente para nenos e nenas e persoas maiores.

O grupo volveu poñer sobre a mesa outras actuacións que asegura levar máis dun ano reclamando, entre elas a recuperación dos lavadoiros do Cruceiro e a mellora dunha curva que consideran perigosa na estrada que conduce á ponte da vía do tren. Segundo o PSdeG, o goberno local comprometeuse no seu momento a actuar nestes puntos, pero as intervencións continúan pendentes.

A formación pechou a súa valoración do pleno cunha dura crítica á xestión do alcalde e do PP. "Tras vinte anos no poder, Salgueiro non pode seguir respondendo con escusas e promesas incumpridas. Continúan as restricións de auga, as actuacións pendentes e as barreiras de accesibilidade que denunciamos unha e outra vez", sinalaron.

"Xove merece máis ca un alcalde pendente das fotos das festas mentres desatende as súas responsabilidades", concluíron os socialistas.

0.16544103622437