O PSdeG de Xove destaca o investimento de máis de 1,2 millóns de euros da Deputación na mellora das estradas do municipio

AMariñaXa
A dirección local socialista mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación, Carmela López, para facer seguimento das actuacións en marcha e abordar novos proxectos para Xove
olimpia-lopez-psdeg-xove
13 Jul 2026

A secretaria xeral do PSdeG de Xove, Aida López Cuadrado, acompañada pola concelleira e voceira socialista no Concello, Rogelia Mariña, e por outros membros da nova executiva local, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López. No encontro analizaron o estado das principais actuacións que a institución provincial está a desenvolver no municipio e abordaron novas liñas de colaboración para impulsar proxectos de futuro en Xove.

Un dos asuntos centrais da reunión foi o seguimento do convenio asinado entre a Deputación e o Concello para a mellora da rede provincial de estradas, un acordo no que o PSdeG de Xove traballou activamente e que permitirá avanzar na mellora das comunicacións do municipio.

A presidenta da Deputación trasladou ás representantes socialistas as actuacións que se están executando actualmente. Entre elas figura a pavimentación con conglomerado en quente da estrada LU-P-2604, entre Xove e As Gulpilleiras, que incorporará melloras de sinalización e seguridade viaria propostas polo PSdeG, especialmente nos puntos máis delicados do trazado e nos que xa se teñen rexistrado accidentes.

Durante a xuntanza destacouse tamén a mellora da LU-P-2605 entre A Tronca e O Tarolo, que permitirá ofrecer un acceso máis seguro e adecuado ás parroquias da Rigueira e Monte, así como os traballos de preparación e ensanche da LU-P-2601, entre Xove e Morás, para a súa posterior pavimentación con conglomerado en quente.

“En conxunto, a institución provincial destinará este ano máis de 1.236.000 euros á mellora das estradas provinciais de Xove. A esta cifra súmanse preto de 74.000 euros para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, o que eleva o investimento da Deputación no municipio durante 2026 por riba dos 1,3 millóns de euros”, salientou Aida López Cuadrado.

A reunión serviu ademais para poñer sobre a mesa futuras iniciativas relacionadas co desenvolvemento social e asociativo do municipio, nas que a agrupación socialista continuará traballando para concretar novos proxectos.

A secretaria xeral do PSdeG de Xove agradeceu a disposición e o compromiso da institución provincial co municipio. “A Deputación volve demostrar que é unha administración próxima, que escoita as necesidades dos concellos e responde con investimentos e actuacións concretas. Levabamos moitos anos sen ver un esforzo deste nivel na mellora das estradas provinciais”, sinalou.

“O noso concello necesita seguir avanzando e ese vai ser o compromiso deste equipo socialista: defender os intereses da veciñanza e traballar para conseguir máis servizos, oportunidades e investimentos para Xove”, concluíu López Cuadrado.

0.12257385253906