O PSdeG de Xove denuncia problemas de abastecemento no municipio

O PSdeG de Xove advirte de problemas de abastecemento no municipio causados, segundo aseguran, pola falta de mantemento das instalacións municipais. A formación pronunciouse despois de que esta semana o Concello mobilizase unha cisterna para repoñer auga no depósito de Penas Agudas, situado na parroquia de Monte.
Desde o grupo socialista sosteñen que esta situación era “moi previsible”, tanto polo contexto de seca como polo estado dunhas infraestruturas que, segundo denuncian, levan anos sen actuacións de conservación e mellora. “As instalacións son dos anos 80 e 90, e dende entón non se fixo nada para modernizalas nin melloralas. A falta de previsión e a deixadez do PP xa teñen consecuencias directas”, sinalaron.
O PSdeG lembra que durante toda a lexislatura vén advertindo da situación do sistema municipal de abastecemento. No caso do depósito de Penas Agudas, explica que abastece os distintos núcleos da parroquia de Monte e que capta a auga nas fontes da Pasada do Lobo, situadas no pastizal de Veiga Mol.
Os socialistas indican que visitaron recentemente estas instalacións e denuncian que presentan un “estado deplorable”, rodeadas de maleza e con accesos practicamente intransitables. Segundo sosteñen, aínda que a redución dos caudais está relacionada coa seca, a falta de mantemento e o abandono das captacións contribúen a empeorar a situación.
A formación lamenta tamén que non se rexistrasen avances no proxecto técnico elaborado a petición do PSdeG para mellorar o sistema de abastecemento. “Todo son boas palabras, pero levamos 19 anos vendo como o problema medra cada verán. A solución non pode ser gastar cartos públicos en cisternas cada vez que falta auga nos depósitos. Iso son parches. O que necesita Xove é unha solución de fondo”, manifestan.
Os socialistas consideran ademais que o cambio climático está a facer que os problemas de abastecemento aparezan antes e con maior intensidade cada ano e reprochan ao Goberno local non adoptar medidas para adaptar as infraestruturas a esta realidade.