O PSdeG de Xove defende o servizo público da auga e critica a proposta de externalización do goberno local

AMariñaXa
Os socialistas cuestionan o modelo do executivo municipal e reclaman investimentos na modernización das instalacións en lugar da súa privatización
Xove-PSOE-candidatura
24 Apr 2026

O PSdeG de Xove saíu ao paso das recentes declaracións realizadas por un representante municipal en relación coa posible externalización do servizo da auga, co obxectivo de aclarar a posición defendida pola súa concelleira e portavoz, Rogelia Mariña, sobre este asunto. A formación socialista insiste en que a súa postura foi debatida e consensuada no seo da agrupación local, rexeitando que se trate dunha decisión improvisada.

Os socialistas lamentan tamén o ton empregado nas críticas recibidas e consideran que este tipo de argumentos non achegan solucións ao problema. Neste sentido, defenden que o debate debe centrarse na xestión e no futuro dos servizos públicos, e non en confrontacións persoais.

Desde o PSdeG lembran que as instalacións da traída de auga do municipio foron executadas entre as décadas dos 80 e 90 e que, desde o ano 2007, cando o actual alcalde asumiu o goberno, non se acometeron melloras significativas. Segundo sinalan, esta falta de investimento provocou un deterioro progresivo que hoxe se traduce en diferentes problemas no subministro.

A formación socialista cuestiona que, ante esta situación, a solución proposta polo goberno pase pola externalización do servizo a unha empresa privada. Segundo os seus cálculos, o custo actual da xestión da auga sitúase arredor dos 440.000 euros, mentres que a opción de privatización implicaría investimentos próximos aos 2 millóns de euros, aos que habería que engadir un custo anual estimado duns 550.000 euros durante polo menos oito anos.

Neste sentido, o PSdeG pide ao alcalde que priorice a modernización das instalacións públicas en lugar de recorrer á externalización de servizos municipais, lembrando ademais que esta non sería a primeira área na que se opta por este modelo, citando o Servizo de Axuda no Fogar ou actividades culturais e deportivas.

A formación tamén pon en dúbida o impacto económico que tería esta medida sobre a veciñanza, cuestionando como se podería manter o compromiso de non subir o recibo da auga ao mesmo tempo que se asume o custo dunha empresa privada encargada da xestión.

Finalmente, os socialistas piden ao rexedor que abandone o que consideran discursos demagóxicos e se centre na mellora dos servizos públicos. Aseguran que continuarán a traballar en propostas orientadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Xove, defendendo sempre a xestión directa dos servizos como prioridade.

0.11905097961426