O PSdeG de Xove celebra o convenio coa Deputación que permitirá renovar a rede viaria

AMariñaXa
As primeiras intervencións centraranse nas vías LU-P-2601, LU-P-2604 e LU-P-6606
concello-de-xove
11 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Xove manifestou a súa satisfacción pola sinatura do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello que permitirá acometer a reparación das estradas provinciais no municipio. O acordo, aprobado pola Comisión de Goberno da Deputación, contempla un investimento de 1,63 millóns de euros por parte do organismo provincial, o que representa o 70 % do orzamento total.

Segundo o partido socialista trátase dunha actuación moi agardada pola veciñanza, que permanecía paralizada desde hai 18 anos, malia as promesas reiteradas do actual alcalde, Demetrio Salgueiro. Desde o grupo socialista lembran que o convenio inicial establecía un financiamento compartido ao 50%, “pero grazas á xestión socialista conseguimos mellorar as condicións ata acadar unha achega provincial do 70%”, sinalan.

As obras previstas desenvolveranse ao longo dos vindeiros tres anos e inclúen melloras integrais na rede viaria, como asfaltado, rectificación de curvas e adecuación de pontes. Segundo informou a Deputación, as primeiras intervencións centraranse nas vías LU-P-2601, LU-P-2604 e LU-P-6606, mentres que o resto dos proxectos serán entregados ao Concello para a súa execución.

Desde o PSdeG-PSOE de Xove aseguran que con esta actuación dan cumprimento á principal promesa electoral formulada á cidadanía. “Seguiremos traballando para que se melloren os servizos e as prestacións en todos os ámbitos. E en 2027, que cada quen saque as conclusións que estime oportunas”, afirman.

O grupo socialista destaca que esta é unha mostra de que “mesmo desde a oposición se poden acadar avances importantes cando hai vontade de traballo e sentido común”, e subliñan que esta intervención transformará a mobilidade do municipio, beneficiando a parroquias como A Rigueira, Penas Agudas, O Cruceiro, Portocelo, Lago, Morás ou Sumoas.

“Por fin deixarán de circular por camiños mal amañados veciñas e veciños de todas as parroquias”, celebran. “Somos xente da pé, vivimos en Xove e o que nos move é que no noso concello se fagan cousas que melloren a calidade de vida da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.07246994972229