O PSdeG de Xove acusa ao PP de pechar outro curso político sen resolver os principais problemas do municipio

O Grupo Municipal Socialista de Xove realizou un balance crítico do último curso político, no que acusa ao Goberno local do Partido Popular de manter sen solución algunhas das principais necesidades do municipio. A formación considera que, despois de vinte anos á fronte do Concello, o executivo encabezado por Demetrio Salgueiro carece dun proxecto de futuro e continúa sen ofrecer respostas eficaces a cuestións fundamentais para o desenvolvemento local.
Entre as principais preocupacións expostas polo PSdeG sitúase a situación do abastecemento de auga. Os socialistas consideran que as recentes restricións ao consumo anunciadas polo Concello evidencian as deficiencias dun servizo que, segundo lembran, leva anos precisando importantes investimentos. Neste sentido, fan referencia ao informe técnico solicitado pola propia formación, no que se detectaban problemas nas captacións, nas conducións e nos sistemas de tratamento da auga, cifrando en arredor de 1,5 millóns de euros os recursos necesarios para modernizar a rede.
O grupo da oposición critica que, transcorridos tres anos desde a elaboración dese documento, o Goberno municipal non presentase un calendario de actuacións nin concretase a financiación das obras. Ademais, cuestiona a posibilidade de recorrer á privatización do servizo como alternativa á falta de investimentos acumulada durante os últimos anos.
Outra das demandas do PSdeG céntrase na ampliación da rede de saneamento ás parroquias de Lago, Morás, Portocelo e Xuances. A formación considera imprescindible estender este servizo básico a estas zonas e reprocha ao executivo local a ausencia dunha planificación para levar a cabo esta actuación.
No ámbito económico, os socialistas reclaman unha intervención integral no polígono industrial de Xove, inaugurado en 1999, ao entender que continúa presentando importantes carencias en infraestruturas como o abastecemento, o saneamento ou os accesos. Tamén consideran insuficiente a partida consignada pola Xunta para estas melloras e lamentan que o acceso directo á VAC non chegase a materializarse.
O balance inclúe tamén críticas á evolución do proxecto do Portiño de Morás. Segundo sinala o PSdeG, a instalación de pantaláns foi anunciada en numerosas ocasións ao longo dos últimos anos sen que as obras chegasen a executarse, ao tempo que lembran que os orzamentos autonómicos de 2026 destinan unha contía reducida a esta actuación.
Os socialistas advirten igualmente das dificultades para acceder a unha vivenda en Xove, tanto en réxime de compra como de alugueiro, e sosteñen que esta situación dificulta a fixación de poboación nova no municipio. A este problema engaden a falta de avances no desenvolvemento urbanístico e na creación dun centro de día para persoas maiores, un proxecto anunciado para o edificio de Cogami en Palmeiro que, segundo denuncian, continúa sen facerse realidade.
Fronte a esta situación, o Grupo Municipal Socialista puxo en valor o investimento superior aos 1,3 millóns de euros que a Deputación de Lugo destina este ano á mellora das estradas provinciais de Xove, unhas actuacións que, segundo indican, terán continuidade nos anos 2027 e 2028.
Ao facer balance da actividade política, o PSdeG lembra que durante o último curso presentou máis de medio cento de preguntas e numerosos rogos nos plenos municipais. Con todo, critica que as respostas do Goberno local non se traducisen en actuacións concretas e conclúe que Xove continúa acumulando carencias en servizos básicos, vivenda, urbanismo e desenvolvemento industrial, polo que considera que o municipio necesita un novo impulso.