O PSdeG de Xove acusa ao PP de “hipotecar” o Concello coa privatización do servizo da auga

AMariñaXa
Os socialistas alertan dun incremento de custos, critican a falta de debate coa veciñanza e cuestionan a xestión do goberno local tras dúas décadas á fronte do municipio
Xove-PSOE-candidatura
21 Apr 2026

O PSdeG de Xove denunciou que o goberno local do Partido Popular deu luz verde no pleno ordinario celebrado este luns á privatización do servizo municipal de abastecemento, saneamento e tratamento da auga, unha decisión que cualifican de “gravísima” por afectar a un servizo esencial e condicionar o futuro do Concello durante os vindeiros oito anos.

O Grupo Municipal Socialista votou en contra da proposta, que consideran unha mostra de que o executivo local renuncia á xestión directa dun ámbito básico. Dende a formación aseguran que, tras vinte anos de mandato, o alcalde opta por “desentenderse das súas responsabilidades”, en lugar de apostar pola planificación, o investimento e a xestión pública para resolver as carencias existentes.

Os socialistas advirten de que esta medida suporá “hipotecar” o municipio ao longo de dúas lexislaturas completas. Ademais, subliñan que a privatización non figuraba no programa electoral co que o PP concorreu ás eleccións de 2023, polo que consideran especialmente criticable que se aprobase sen un proceso previo de información e debate coa cidadanía e a tan só un ano das próximas municipais.

Na súa valoración, o PSdeG interpreta que o propio goberno local recoñece a súa incapacidade para xestionar este servizo ao xustificar a decisión na falta de persoal e no deterioro das instalacións. Para os socialistas, esta explicación constitúe “unha confesión de fracaso político e de xestión” tras anos de responsabilidade ao fronte do Concello.

Outro dos aspectos que máis preocupa á formación é o impacto económico da medida. Segundo indican, o custo actual do servizo sitúase arredor dos 400.000 euros anuais, mentres que a proposta aprobada prevé un gasto próximo aos 5 millóns de euros durante os vindeiros oito anos, o que eleva a media a uns 550.000 euros ao ano. “A cuestión é quen asumirá este incremento, e a resposta é evidente: serán as veciñas e veciños de Xove”, denuncian.

O PSdeG tamén fai fincapé no estado “moi deficiente” das infraestruturas, lembrando que o expediente contempla un investimento de arredor de 1,5 millóns de euros para melloralas. Neste sentido, critican que a cidadanía teña que asumir cos seus impostos o custo das obras para, posteriormente, ceder a explotación do servizo a unha empresa privada que obterá beneficio económico.

Dende a formación socialista sosteñen que esta decisión responde a un modelo xa aplicado noutras áreas do municipio, como a recollida do lixo, e acusan ao goberno local de repetir unha estratexia que, ao seu xuízo, prioriza a externalización fronte á xestión pública.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista rexeitou a proposta e defendeu que os servizos básicos deben ser asumidos directamente polas administracións. “Un goberno responsable debe arranxar e xestionar correctamente estes servizos, non trasladar os problemas ao sector privado nin cargar o custo sobre a veciñanza”, conclúen.

Durante o mesmo pleno tamén se abordou a prórroga por un ano do contrato de recollida de lixo, un punto no que o PSdeG optou pola abstención, reiterando a súa intención de recuperar a xestión pública deste servizo no caso de acceder ao goberno municipal.

0.13635921478271