O PSdeG de Viveiro denuncia o uso partidista das redes sociais municipais polo goberno local

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro criticou con dureza a xestión das redes sociais do Concello, ás que acusa de estar a ser utilizadas con fins partidistas polo goberno local. Segundo denuncian, as publicacións institucionais estarían a construír unha imaxe “parcial e distorsionada” da realidade municipal, na que só aparece o equipo de goberno mentres se invisibiliza por completo á oposición.
Os socialistas aseguran que nos últimos meses os contidos difundidos polos perfís oficiais —incluíndo vídeos sufragados con recursos públicos— seguen un patrón claro no que a alcaldesa e o seu equipo ocupan todo o protagonismo, eliminando calquera referencia á presenza ou participación doutros grupos da Corporación.
“Non se trata de protagonismo político, senón de que directamente se nos borra. Mesmo en actos institucionais nos que estamos presentes, colaboramos e participamos, non aparecemos nos contidos oficiais”, sinalan desde o PSOE.
A formación considera que esta práctica supón un uso inadecuado de medios públicos, que deberían reflectir a pluralidade política do Concello e non servir como escaparate dun único partido. Lembran ademais que a Corporación municipal está composta por distintas forzas e que todas representan á cidadanía.
Os socialistas apuntan tamén que esta situación xa é percibida pola veciñanza, que lles trasladou o seu malestar ao comprobar que as redes institucionais non recollen a realidade completa dos actos municipais nin a diversidade de representantes.
Desde o PSOE de Viveiro esixen ao goberno local que abandone estas prácticas e garanta unha comunicación institucional equilibrada, transparente e respectuosa coa pluralidade democrática. “O Concello non é dun partido, é de toda a veciñanza”, conclúen.