O PSdeG de Viveiro cuestiona a Variante Leste e reclama recuperar a solución de altas prestacións

AMariñaXa
Os socialistas presentan alegacións ao proxecto e consideran que a proposta actual reduce a capacidade e as posibilidades de futuro da infraestrutura
Grupo-municipal-socialista-de-Viveiro
12 Jun 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro presentou alegacións ao Estudo Informativo e ao Estudo de Impacto Ambiental da Variante Leste, unha iniciativa coa que pretende introducir modificacións nun proxecto que considera insuficiente para responder ás necesidades actuais e futuras do municipio.

Desde o PSdeG-PSOE sosteñen que a alternativa máis adecuada continúa sendo a infraestrutura de altas prestacións contemplada durante anos na planificación da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte. Os socialistas lembran que esta opción contou no seu momento co respaldo institucional do Concello e que foi defendida pola propia Xunta como a solución chamada a resolver os problemas de mobilidade da comarca.

A formación asegura que mantén a mesma posición que veu defendendo ao longo dos anos e considera que foi o Goberno galego o que modificou a súa estratexia ao apostar agora por unha actuación que, ao seu xuízo, presenta menores prestacións das inicialmente previstas. Neste sentido, sosteñen que a proposta actualmente en exposición pública deixa atrás unha infraestrutura estratéxica para substituíla por unha estrada convencional con menos capacidade de crecemento e menores posibilidades de adaptación ás necesidades futuras.

Os socialistas tamén poñen o foco nas alegacións anunciadas polo propio Concello de Viveiro. Segundo sinalan, se resulta necesario introducir cambios en cuestións como os radios de curvatura, os carrís de adiantamento, os accesos ao centro urbano ou as conexións con Celeiro, iso evidencia que existen aspectos mellorables nun proxecto que foi presentado como a mellor solución posible para o municipio.

Outra das críticas formuladas polo grupo municipal fai referencia ao proceso administrativo que rodea a tramitación da Variante Leste. O PSdeG considera que a recente licitación do proxecto construtivo, coincidindo co período de exposición pública, transmite a sensación de que a decisión xa está tomada antes de analizar as alegacións formuladas por institucións, entidades e particulares.

A pesar das súas discrepancias coa proposta, os socialistas explican que decidiron participar no proceso coa presentación de alegacións para tratar de mellorar o documento actualmente en tramitación. Entre as medidas que propoñen figuran a optimización dos enlaces previstos, a revisión dos accesos de Viveiro Centro e Magazos, a incorporación de terceiros carrís para facilitar o adiantamento de vehículos lentos, a corrección de pendentes pronunciadas e o reforzo das garantías ambientais.

Ademais, reclaman que se reserve o espazo necesario para posibilitar no futuro unha ampliación da infraestrutura ou mesmo a recuperación dunha alternativa de maiores prestacións, evitando novas afeccións sobre o territorio.

O grupo municipal insiste en que estas alegacións non supoñen un respaldo ao proxecto actual, senón un intento de minimizar as súas limitacións. Os socialistas reiteran que continuarán defendendo a variante de altas prestacións incluída na planificación histórica da Costa Norte e consideran que Viveiro precisa dunha infraestrutura dimensionada para as próximas décadas, acorde ao seu peso económico e á súa condición de referente de servizos na comarca da Mariña.

0.12506794929504