O PSdeG de Ribadeo destaca a mellora da estrada entre Cedofeita, Arante e Regocorto

AMariñaXa
Os socialistas valoran o investimento da Deputación na LU-P-5204 e consideran a actuación clave para reforzar a seguridade e a mobilidade nas parroquias rurais
marta-rey-ribadeo-2023
31 Jul 2026

O PSdeG de Ribadeo mostrou a súa satisfacción tras a aprobación, pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, da adxudicación das obras de rehabilitación da estrada provincial LU-P-5204, unha actuación que contará cun investimento de 193.963 euros e que permitirá renovar un dos principais eixos de comunicación das parroquias de Cedofeita, Arante e Regocorto.

O proxecto contempla a mellora dun tramo superior aos tres quilómetros, entre os puntos quilométricos 3+600 e 6+770, cun prazo de execución estimado de catro meses. As actuacións previstas inclúen a renovación do firme e outras intervencións destinadas a mellorar as condicións de circulación e incrementar a seguridade viaria nesta estrada provincial.

Desde a agrupación socialista consideran que esta obra responde a unha demanda histórica da veciñanza das parroquias rurais e subliñan que permitirá ofrecer unhas comunicacións máis cómodas e seguras tanto para os desprazamentos diarios como para a conexión coa rede viaria da contorna.

O PSdeG tamén puxo en valor o traballo desenvolvido para trasladar esta necesidade á Deputación de Lugo e agradeceu a resposta da institución provincial, destacando que a colaboración entre administracións e representantes locais permite converter as demandas da cidadanía en actuacións concretas.

Os socialistas lembran que a LU-P-5204 conecta Cedofeita coa estrada LU-P-5203, atravesa a parroquia de Arante e continúa ata Regocorto, onde enlaza coa LU-132, polo que consideran que a súa modernización repercutirá directamente na mobilidade e na seguridade de centos de usuarios.

A formación asegura que continuará defendendo novos investimentos nas infraestruturas das parroquias ribadenses e trasladando ás distintas administracións as necesidades da veciñanza, co obxectivo de seguir mellorando a calidade de vida no rural.

0.13471603393555