O PSdeG de O Vicedo propón un plan de mobilidade e melloras urbanas para o municipio

AMariñaXa
Os socialistas presentan no pleno unha moción para avanzar cara a un modelo máis seguro, accesible e ordenado, xunto con propostas de mellora en espazos públicos e servizos municipais
PSdeG-O-Vicedo---Pleno-maio-2026
28 May 2026

O Grupo Municipal do PSdeG de O Vicedo levou ao pleno celebrado este mércores, 27 de maio, unha proposta centrada na posta en marcha dun Plan de Mobilidade municipal e na reorganización da ubicación dos colectores de residuos, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a ordenación dos espazos públicos en todo o municipio.

A iniciativa socialista aposta por realizar un estudo global da mobilidade local que permita identificar carencias e definir actuacións concretas. O obxectivo, segundo explican, é avanzar cara a un modelo máis funcional e adaptado ás necesidades reais da veciñanza, con especial atención ás persoas maiores, ás persoas con mobilidade reducida e ás familias con menores.

Ademais da moción principal, o PSdeG presentou diversos rogos relacionados co mantemento urbano, solicitando melloras no estado das beirarrúas e actuacións de limpeza e conservación en zonas como Folgueiro, o casco urbano e a Rúa do Porto. Nesta última vía, os socialistas tamén pediron medidas para reducir a velocidade do tráfico e reforzar a seguridade viaria.

Entre outras propostas, o grupo municipal reclamou a retirada de elementos considerados perigosos na Praia de Fomento, a mellora do acceso ao apeadoiro de FEVE en Folgueiro coa instalación de iluminación, e a actualización do inventario municipal para clarificar a titularidade de diversas vías. Tamén solicitaron máis zonas de estacionamento nas praias e que todos os membros da corporación sexan convidados aos actos institucionais.

No apartado de preguntas, os socialistas interesáronse polo estado do Parque do Porto, a presenza de elementos sen retirar, a falta de actuacións de saneamento incluídas no Plan Deputación, o incendio rexistrado no PAI e a situación da antiga fábrica do Cisne.

Tamén pediron información sobre a colaboración municipal co Trail Fuciño do Porco, as contas das camisetas da Romaxe Viquinga 2025 e o estado das fendas detectadas no porto de O Vicedo.

A portavoz socialista, Verónica Rodríguez, defendeu que “seguiremos levando ao pleno propostas e preguntas sobre os problemas reais da veciñanza, porque gobernar tamén é escoitar, planificar e dar respostas”.

0.11725783348083