O PSdeG de Barreiros destaca o éxito do servizo de préstamo de material ortopédico

O PSdeG de Barreiros puxo en valor a evolución e consolidación do servizo municipal de préstamo de material ortopédico, unha iniciativa promovida desde a área de Servizos Sociais que, segundo subliñan, sitúa ao municipio como un referente na atención social na comarca da Mariña.
Desde a formación socialista destacan o papel da concelleira Carmen Veiga na posta en marcha e desenvolvemento deste recurso, que foi posible grazas á sinatura de dous convenios coa Deputación de Lugo. O proxecto arrancou cun investimento inicial de 20.000 euros e ampliouse recentemente cunha nova incorporación de material destinado a cubrir as necesidades da veciñanza.
O servizo está dirixido a persoas empadroadas en Barreiros e permite o acceso a diferentes equipamentos de apoio, converténdose, segundo o PSdeG, nunha proposta pioneira pola súa amplitude e polas condicións nas que se presta. Neste sentido, consideran que a iniciativa coloca ao municipio na vangarda das políticas sociais na comarca.
A resposta dos usuarios, sinalan, evidencia a utilidade práctica deste recurso. “Non se trata dun material almacenado sen uso, senón dun servizo activo que xa está a chegar ás casas e que responde a unha necesidade real”, apuntan desde o grupo socialista.
O inventario inclúe camas articuladas, cadeiras de aseo, colchóns antiescaras, grúas, andadores, bastóns e outros elementos destinados tanto ao apoio domiciliario como ao Servizo de Axuda no Fogar, configurando unha oferta ampla para atender distintas situacións de dependencia.
Desde o PSdeG conclúen que este tipo de medidas demostran a importancia dunha xestión centrada nas necesidades cotiás da cidadanía, apostando por solucións concretas que melloren a calidade de vida nos fogares.