O PSdeG alerta de condicións de insalubridade no Centro de Saúde de Foz
A deputada socialista, Patricia Otero, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta “maiores recursos para eliminar as condicións de insalubridade que se están a producir no Centro de Saúde de Foz”. Advertiu da “urxente necesidade destes recursos para solucionar a urxente carencia de persoal sanitario”.
A deputada socialista acusou á Xunta de Galicia de “desentenderse no mantemento do edificio que alberga o Centro de Saúde de Foz e advertiulle do estado deplorable no que se encontra actualmente”. Recriminoulle ao goberno galego que “destine máis de medio millón de euros en poñer rótulos que defina como públicos a diferentes hospitais en vez de destinar estes cartos á mellora e mantemento dos edificios existentes na actualidade”.
A responsable socialista sinalou que, dende a construción do Centro de Saúde de Foz, e posterior ampliación, “non se levou a cabo ningunha labor de limpeza e mantemento no exterior do edificio”. Advertiu “das condicións de insalubridade que isto está producindo coa aparición de verdíns e mofos que invaden o exterior da edificación, incumprindo as condicións mínimas que debe presentar calquera edificio público”.
O Grupo Parlamentario Socialista “insta á Xunta de Galicia a que realice unha valoración das deficiencias que presenta o Centro de Saúde de Foz, e que leve a cabo as labores de mantemento necesarias no dito centro”.