O PSdeG acusa ao alcalde de Xove de parálise municipal tras 17 anos de mandato

O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Xove vén de lanzar unha dura crítica ao alcalde, Demetrio Salgueiro, ao que acusan de “falta total de xestión” tras case dúas décadas á fronte do Concello. Segundo os socialistas, Salgueiro non foi capaz de dar resposta ás necesidades máis básicas da veciñanza, e tampouco ofreceu un proxecto sólido de futuro para o municipio.
A formación destaca a falta de melloras na rede viaria e considera “inxustificable” que o rexedor se estea a expresar a posibilidade de aplicar un expediente de regulación de emprego (ERE) ao persoal municipal, nun contexto que describen como de desorde orzamentaria e ausencia de planificación.
Desde o PSdeG sinalan que moitas das propostas que agora o goberno local presenta como novidades xa foran defendidas polo grupo socialista e foron rexeitadas no seu momento. Entre elas, mencionan a posta en marcha dun polígono industrial e a recuperación do Portiño de Morás, iniciativas incluídas nos orzamentos alternativos presentados polo PSdeG a comezos de 2024. “É un contrasentido que agora se saquen da manga os mesmos proxectos que antes descartaron sen explicación”, afirman.
No eido das infraestruturas, os socialistas tamén critican que o alcalde leve anos lamentándose dun convenio de estradas proposto por el mesmo e que nunca activou. “Foi o goberno da Deputación de Lugo, con José Tomé á fronte, quen asumiu o compromiso de mellorar as vías do municipio, algo esencial para garantir unha mobilidade segura e digna”, apuntan desde o grupo local.
A proposta dun ERE para o cadro de persoal municipal é outro dos puntos que máis preocupación xera nas filas socialistas. Nun concello de pouco máis de 3.500 habitantes, con cinco cargos con soldo e máis de tres millóns de euros destinados a mantemento, consideran que “hai marxe suficiente para revisar e reorganizar o gasto sen recorrer a recortes no persoal”.
Finalmente, o PSdeG de Xove rexeita as acusacións de Salgueiro á Deputación de Lugo por suposta discriminación partidista. Lembran que municipios gobernados polo Partido Popular, como Cervo, tamén reciben investimentos provinciais, polo que rexeitan calquera acusación de sectarismo. “O problema non está na cor política das institucións, senón na falta de vontade e capacidade do goberno local para traballar polo ben común”, conclúen.