O Proxecto Ríos de ADEGA impulsa máis de 75 limpezas simultáneas de ríos esta fin de semana en Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Ademais de retirar refugallos dos cursos fluviais, a iniciativa busca fomentar a conciencia ambiental e a participación cidadá
mollate-polos-rios-2026
30 Sep 2026

Esta fin de semana, 3 e 4 de outubro, o voluntariado ambiental galego ten unha cita cos ríos do país. A XIX Limpeza Simultánea de Ríos, impulsada pola organización ecoloxista ADEGA a través do seu Proxecto Ríos, celebrarase nesta edición nun total de 49 concellos de toda Galiza, e nela participarán 76 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas ou centros de ensino, moitas delas asiduas nestas limpezas e outras tantas que se suman por primeira vez a esta décimo novena edición.

Baixo o lema ‘Móllate polos ríos’, estas limpezas mobilizan todos os anos centos de persoas voluntarias que de xeito simultáneo desenvolven unha acción colectiva e de concienciación social ao pé dos ríos, co obxectivo de contribuír á súa limpeza. Calquera persoa interesada pode participar contactando coas entidades organizadoras locais.

Na web de Proxecto Ríos está dispoñible a listaxe de concellos e asociacións participantes, con datos de contacto para poder sumarse ás actividades, sempre que os grupos non estean xa pechados. A Estrada, A Coruña, Allariz, Ames, Baiona, Lugo, Moaña, Ourense, O Grove, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela ou Vigo son algunhas das localidades nas que se impulsan limpezas, entre outras moitas, de forma que todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.

Ademais de retirar refugallos dos cursos fluviais, a iniciativa busca fomentar a conciencia ambiental e a participación cidadá. A asociación ADEGA distribuirá un Protocolo de Limpeza de Ríos, dispoñible para descargar tamén na súa web, coas claves para realizar intervencións respectuosas e seguras nestes ecosistemas.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.

Nesta XIX edición, a Limpeza Simultánea conta coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Fene, Meis, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela e Tomiño. A actividade está financiada pola Deputación da Coruña e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que apoian este esforzo colectivo polo coidado dos nosos ríos.

0.14186692237854