O proxecto Pescarte, para o impulso da pesca costeira artesanal, presentouse en Burela

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou onte en Burela o valor da pesca costeira artesanal como parte esencial da identidade das comunidades mariñeiras e como unha actividade con capacidade para xerar oportunidades de futuro desde a tradición, a sustentabilidade e a innovación. Así o sinalou na presentación de novas iniciativas do proxecto PESCARTE: a prol da pesca costeira artesanal, promovido pola Confraría de Pescadores de Burela.
Villaverde incidiu en que o apoio á pesca costeira artesanal constitúe unha “prioridade estratéxica” para a Consellería do Mar e destacou que iniciativas como PESCARTE permiten abordar a realidade mariñeira desde unha visión integradora, incorporando a inclusión, a cultura, a gastronomía, o consumo dos produtos do mar e o relevo xeracional. Neste sentido, puxo tamén en valor o papel das confrarías e dos GALP como aliados para dinamizar as localidades costeiras e abrir novas oportunidades de futuro.
Durante o acto presentáronse os murais PESCARTE, unha intervención de preto de 250 metros lineais que combina arte e divulgación das artes de pesca, das especies locais e da identidade mariñeira de Burela. A iniciativa conta, ademais, con paneis táctiles con sistema de escritura braille e altorrelevo para favorecer unha cultura mariñeira inclusiva.
A xornada incluíu tamén un showcooking para poñer en valor as especies capturadas pola frota de Burela e comercializadas na súa lonxa, tanto as máis recoñecidas como outras menos coñecidas pero con potencial gastronómico. Villaverde subliñou que fomentar o consumo de produto local “contribúe a apoiar as familias que viven do mar e á continuidade da actividade pesqueira”.
O proxecto PESCARTE, cun investimento total de 115.328 euros, comprende dez actuacións desenvolvidas ao longo de 2025 e 2026 cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Xunta de Galicia.