O proxecto de dragaxe do porto de Foz terá cabida nos orzamentos da Xunta para o 2025

Foz
AMariñaXa
Á espera de poder avanzar na súa tramitación cos informes preceptivos emitidos polo Ministerio de Transición Ecolóxica
Porto-de-Foz_villares
28 Out 2024

A Consellería do Mar subliña que o proxecto de dragaxe do porto de Foz conta con partida económica asignada nos orzamentos da Xunta para o 2025 á espera de que o Ministerio de Transición Ecolóxica emita os informes preceptivos para poder avanzar na súa tramitación e que foron solicitados o 10 de novembro do pasado ano. En concreto, Portos de Galicia solicitou, seguindo a normativa vixente, un informe de avaliación ambiental e de compatibilidade coas estratexias mariñas, ambos imprescindibles para superar a tramitación ambiental e poder licitar as obras, sen ter recibido ningún dos dous a día de hoxe.

Á espera de que o Goberno central desbloquee o proxecto, Portos de Galicia consignou nos orzamentos para o vindeiro exercicio unha partida plurianual de 4,5 millóns para a remodelación das instalacións portuarias de Foz, cuxa primeira actuación é a dragaxe do porto, cun investimento estimado de 1,1 millóns de euros.

Esta actuación prevé a recuperación de calado na canle de acceso e interior da dársena á cotas entre -2,5 e -1,5 e posteriores dragaxes de mantemento nos vindeiros anos. Polo que respecta ao material extraído, os áridos da canle de acceso serán empregados na recuperación da praia de Altar e os do interior da dársena depositaranse en alta mal. Ata o momento o gasto na tramitación deste proxecto ascende a 70.000 euros que se unen aos1.100.000 euros investidos xa en anteriores obras de dragaxe executadas en Foz. Unha vez executada a dragaxe deseñarase a remodelación da dársena deportiva de Foz para aumentar a súa capacidade de prazas de amarre e mellorar as condicións de operatividade.

REUNIÓN CO ALCALDE

En relación á petición de reunión do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, con Portos de Galicia para coñecer as previsións de actuación do ente público, o 26 de outubro do pasado ano, o director de Portos mantivo co alcalde a xuntanza solicitada na que se abordaron este e outros proxectos portuarios, tal como comunicou publicamente.

0.26652908325195